A poboación francesa de Decize acolleu, este domingo, a última xornada do Campionato Europeo de Piragüismo Maratón, na que o equipo Español xa sumaba sete medallas antes das tres últimas probas (un ouro, 5 pratas y un bronce). A máis nova, a que conseguiu na tarde do sábado o tudense Iván Alonso en K1 masculino, sumando o primeiro bronce español.
Multitude de padeeiros procedentes de 21 países europeos acudiron á cita, na que os pontevedreses Óscar Graña, José Sánchez e Tania Álvarez tomaron parte xunto aos seus compañeiros Tono Campos, Diego Romero e Tania Fernández nas probas da xornada de clausura da competición. Nesta ocasión, foi a quenda das carreiras dobres, tanto de modalidade kaiak como canoa.
A actividade comezou cedo, ao redor das 9:00 horas facía a saída o grupo masculino de C2, no que Tono Campos e Diego Romero conseguiron meterse no podio e, con iso, unha nova medalla para a selección española, neste caso, a segunda de bronce. Finalizaron cun tempo de 01:57:23.57, por detrás dos polacos Zuchora e Borgiel, campións co ouro, e dos húngaros Kover e Docze. Pola súa banda, na mesma proba tamén competiron Graña e José Sánchez, que non lograron finalizar entre os primeiros ao cruzar a liña de meta en sétima posición despois de 01:59:37.55.
Preto das 11:30 preparábase o grupo feminino de K2, no que as padeeiras españolas conseguirían dúas novas medallas. Por unha banda, a pontevedresa Tania Álvarez xunto á lucense Tania Fernández, cun tempo de 01:55:55.63 e unha merecida segunda praza, sumaron outra prata ao seu palmarés, só por detrás das húngaras Csay e Czellai. Por outro, a outra parella española, composta por Eva Barrios e Amaia Osaba, cruzou a liña de meta en terceira posición, polo que logrou subir ao podio co bronce ao pescozo.
Así, España terminou na quinta posición da clasificación cun total de dez medallas (un ouro, seis pratas e tres bronces). Os campións foron os húngaros, que sumaron nada menos que 22 metais, triplicando aos segundos clasificados, os daneses con 5 (catro delas de ouro).