O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra volverá ser obxecto dunha profunda remodelación. O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e o tenente de alcalde, Tino Fernández, presentaron este venres o anteproxecto para a reforma desta infraestrutura que contempla a substitución da cuberta exterior, a mellora do illamento e diversas actuacións en materia de eficiencia enerxética.
Para poder facer realidade esta iniciativa, o Concello presentará solicitará fondos europeos que permitan acometer unha obra valorada en 2,94 millóns de euros. Con todo, este plan iría incluído nunha proposta aínda máis ambiciosa que busca tamén a rehabilitación do Teatro Principal e o Pazo da Cultura. "Agardaremos pola subvencion, mentres tanto traballaremos no proxecto construtivo. Se non nos dan a subvención o faremos con fondos propios cando se poida", matizou o mandatario do BNG.
Tal e como explicou o rexedor, o obxectivo desta intervención pasa por reducir ao máximo o consumo enerxético do edificio a través da instalación de paneis solares no teito que servirían tamén para abastecer de enerxía ás instalacións deportivas da Xunqueira.
Así mesmo, resolverán os problemas de illamento e renovarán todos os elementos de carpintería exterior. Un dos cambios máis visuais será a eliminación das clásicas lousas de garbancillo que dan forma ao chan e paredes exteriores da fachada principal do pavillón.
Pero o cambio máis substancial terá que ver coa cuberta exterior do inmoble. O anteproxecto contempla a instalación dunha cuberta similar á planeada polo arquitecto Daniel da Sota no seu proxecto orixinal. Unha cuberta que nunca chegou a instalarse pola falta de materiais e medios nos anos sesenta. "Era un proxecto avanzado ao seu tempo", recoñece o arquitecto municipal.
De executarse este proxecto, sería a cuarta gran reforma do Municipal. A primeira foi a do teito da pista, logo chegou a hora de mellorar a accesibilidade e, hai só unhas semanas, concluíuse a remodelación do chan da pista deportiva.
A intención do goberno local é que, na medida do posible, as obras sexan compatibles coa actividade deportiva. De feito, xa presentaron este proxecto aos clubs deportivos afectados. Tamén pretenden avanzar na construción do pavillón da Parda, que supoñerá un investimento superior aos 15 millóns de euros pero cuxa tramitación sufriu algún atraso na redacción do plan de viabilidade.
Nesta futura infraestrutura, máis prioritaria que a reforma do Municipal pero que se quedou relegada a un segundo plano pola convocatoria destas subvencións para a rehabilitación de infraestruturas, crearanse espazos específicos para a práctica da ximnasia e a escalada, comprometeuse Lores.
Tamén está pendente e aínda sen prazos de execución, a mellora do pavillón de Monte Porreiro.
Antes de presentar o anteproxecto, o concelleiro de Deportes e tenente de alcalde, Tino Fernández, repasou todas as obras relacionadas con infraestruturas deportivas executadas ao longo do mandato. "A obra do Municipal marcará un antes e un despois", concluíu o edil socialista para dar paso ao alcalde.