Tras o impulso parisiense para ver a súa referente, Carla Santoro segue adestrando fiel ás palabras de Susana Rodríguez

Pontevedra
10 de setembro 2024

Se antes de comezar este setembro Carla Santoro tiña claro que facerse un oco no deporte require esforzo, despois de viaxar a París para animar ao seu referente, a triatleta paralímpica e recente dobre medalla de ouro, Susana Rodríguez, a experiencia reforzouna

Carla Santoro seguindo a final de paratriatlón en París
Carla Santoro seguindo a final de paratriatlón en París / V. Cernadas

Carla Santoro Cernadas aínda ten as mans frías pola temperatura da auga do río Lérez. Termina outra mañá de adestramento, pola tarde máis. Se antes de comezar este setembro tiña claro que facerse un oco no deporte require esforzo, despois de viaxar a París para animar a súa referente, a triatleta paralímpica e recente dobre medalla de ouro, Susana Rodríguez Gacio, a experiencia reforzouna.

"É un camiño moi longo", di esta novísima triatleta caldelana con albinismo ocular; e engade "pero eu quero seguir aprendendo e oxalá un día teña a oportunidade". Demostra ter ben aprendido a mensaxe que a viguesa ten repetido nos medios de comunicación: que vexan nela un exemplo de persoa que a pesar de dificultades, con traballo, esforzo e confianza en si mesma, poden conseguir metas a pesar de que parezan difíciles de alcanzar.

Lembra que cando soubo que a cita olímpica era en París e que Susana Rodríguez estaría alí, xa trasladou aos seus pais a intención de ir apoiala. A viaxe non estivo exento de imprevistos: a proba de paratriatlón pospúxose sen a certeza dun aprazamento definitivo. Carla, con todo, fala do que estaba a supoñer para os participantes: "o peor de todo aquilo foi para os deportistas porque supón un estrés constante".

O cambio de data conlevou perder as entradas que tiñan para ver a entrega de medallas e resultou imposible cambialas, "a organización foi un desastre, mirabas as bancadas baleiras, dicían que estaba cheo e non foi así. Carla é unha nena con discapacidade e non lles ofreceron prazas que deberían estar reservadas a tales efectos. Mesmo chegamos a pensar que nos iamos sen vela", lamenta Vanesa, a súa nai.

Con todo, lograron situarse no percorrido. "Non me podía crer que estaba en París nunhas paralimpiadas. Animámoslle unha chea porque aínda que sabía que non nos vía, si sabía que nos escoitaba. Había moitísima xente animando", lembra feliz. Di que estivo máis nerviosa durante a natación e xa máis tranquila durante a carreira porque "ese é o seu forte".

Aínda non puido darlle o seu merecido abrazo de felicitación, pero si falaron telefonicamente. Unha e outra, seguen coas súas obrigacións, no caso de Carla o inminente curso escolar e os seus adestramentos xa que leste mesmo setembro compite en acuatlón en Castrelo de Miño, Ourense; en outubro competirá en Pamplona e en novembro estará en Sevilla competindo en cross.