Tras o desastre, solidariedade: A Lama cede "por tempo indefinido" as súas instalacións á SCD Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
05 de novembro 2023

"Faremos todo o que sexa posible da nosa parte para que sentan como na casa. Racelo será durante todo o tempo que necesiten a casa da SCD Ponte Caldelas", afirmou o alcalde da Lama, David Carrera, tras os danos que o desbordamento do Verdugo causou en Chan da Barcia 

Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo
Danos no campo de Chan da Barcia de Ponte Caldelas tras desbordarse o río Verdugo / Radio Nova

Pouco despois de coñecerse as importantes desfeitas sufridas no campo de Chan da Barcia, en Ponte Caldelas, polo desbordamento do río Verdugo, a SCD Ponte Caldelas xa recibira ofrecementos de axuda por parte doutros clubs, segundo recoñecía o seu presidente Pedro Rodríguez, e en menos de 24 horas pechouse un acordo para garantir a actividade dos seus equipos.

O Concello da Lama anunciou formalmente a cesión do campo de Racelo ao club do municipio veciño "por tempo indefinido", xa que os danos son de tal consideración que a situación se alongará aínda durante moitos meses.

"Faremos todo o que sexa posible da nosa parte para que sentan como na casa este equipo irmán e a súa afección. Racelo será durante todo o tempo que necesiten a casa da SCD Ponte Caldelas", explicou o alcalde da Lama, David Carrera.

Asegura o goberno local que o entendemento e a coordinación entre a administración e os presidentes dos clubs, A Lama SD e SCD Ponte Caldelas, foi total.

Esta tempada en curso a entidade deportiva caldelá conta con ata 12 equipos repartidos entre as diferentes categorías de formación e as súas formacións sénior, tanto masculina como feminina, que a partir de agora pasarán a xogar os seus encontros como locais no campo de Racelo.