Primeiro dos dous partidos de trámite e preparación que lle quedan ao Pontevedra antes de afrontar o reto de conseguir o ansiado ascenso ao primeiro intento no play-off de campións. Os de Luisito viaxan a Cangas para enfrontarse ao Alondras no campo do Morrazo (domingo:18:00 horas), nun choque que non obstante ten carácter de final para os de Josiño Abalde.
Se os granates non se xogan nada, o conxunto vermello e branco apura as súas opcións matemáticas de acceder á cuarta praza que agora mesmo ocupa o Choco. Claro que para iso necesitan, ademais de gañar os dous partidos que lle restan, que o equipo redondelano non consiga puntuar, nin nesta xornada no seu campo de Santa Mariña, fronte ao Deportivo B, nin tampouco na última do campionato, na Senra, fronte ao Ribadumia.
Todo iso ademais de esperar tamén un tropezo polo menos de Bergantiños e Ribadeo, os outros dous equipos que xunto ao Alondras e Choco loitan por esa cuarta e última praza dispoñible de pla-off.
Queda claro que se trata dunha carambola complicada para o Alondras, na que o Pontevedra lle queda unicamente o papel de exercer de xuíz, pero non por iso os granates van tirar o partido, nin moito menos.
Iso si, Luisito aproveitará para dar minutos aos xogadores que participaron menos ao longo da tempada. Neste sentido un cambio é seguro no once inicial: a presenza de Lloves baixo paus en lugar de Edu, coa que o técnico quere premiar o traballo e comportamento dun xogador que non tivo oportunidades, pero cuxo concurso no día a día do grupo está a ser fundamental polo bo ambiente que crea entre os seus compañeiros.
Coas baixas por lesión por Adrián, Benja e Jacobo, ademais de Campillo, por sanción, o técnico da entrada aos mozos canteranos Agus e Rodri, para formar unha lista integrada por 19 xogadores: Edu, Lloves, Tubo, Rubén Lobato, Fran Fandiño, Pablo, Capi, Kevin Presa, Pedro García, Álvaro Muñiz, Pablo Carnero, Mouriño, Jorge, Tomás, Anxo, Centrón, Agus, Rodri e Bruno.