Acompañado de Charles Dias e do adestrador Yago Iglesias. Así se presentou este venres de maneira oficial o novo coordinador da secretaría técnica do Pontevedra, Jacobo Maestre, que asumirá o día a día na relación co primeiro plantel deixando outros labores con menor exposición pública ao propio Charles.
En todo caso "fíxose unha dirección deportiva na que traballamos todos, é un traballo en equipo", defendeu Maestre nas súas primeiras palabras públicas como traballador da entidade granate.
"É un orgullo poder vir ao Pontevedra, un soño cumprido. É un club que levo seguindo moito tempo, referente por infraestrutura, afección...", asegurou tras revelar que "levo colaborando un tempo co club" e que no presente mercado estival "os xogadores que viñeron víronse entre todos".
"Vén para axudarnos en todo, para axudar o club", completou Charles.
Tamén Yago Iglesias terá voz na secretaría técnica dentro dese traballo en equipo. O técnico valorou a composición dun plantel co que empezará a traballar desde o vindeiro luns 22 de xullo, defendendo que "creo que o punto positivo é o da continuidade. Agora mesmo se tivésemos que xogar un partido poderiamos sacar un once titular da tempada pasada", o que se completa coa chegada dunhas fichaxes que "cremos que veñen dar un salto de calidade non só a nivel individual senón colectivo".
Neste aspecto, con 20 fichas ocupadas na actualidade das 25 que se poden formalizar esta tempada, tras un cambio nas bases de competición, Iglesias recoñeceu que "se están valorando opcións nalgún posto a que queda por pechar" aínda que "se está tomando con máis calma porque non cremos que sexa urxente". Más en concreto Iglesias apuntou a "un xogador de perfil atacante dereito, extremo, e a un central-lateral", que trendrían que ser de idade sub-23. Ademais "queremos ver ao mozos do filial e xuvenil" que empezarán a pretempada traballando co primeiro equipo.
Para pechar a comparecencia Jacobo Maestre recuperou a quenda de palabra para valorar a composición do grupo I da Segunda RFEF na que xogará o Pontevedra, afirmando que "este ano o grupo vai ser máis complicado que o pasado coa inclusión do Numancia, o ascenso do Salamanca e equipos como o Avilés, que está a facer un bo equipo".