A Sociedad Deportiva Teucro asalta a cuarta praza da clasificación despois de lograr unha importante e traballada vitoria fronte ao Porriño (31-29).
Os primeiros compases do duelo estiveron marcados pola igualdade e non foi até o minuto 17 cando se produciu o primeiro punto de inflexión. O Teucro, a pesar de estar en inferioridade numércia, tomou a dianteira no marcador cunha vantaxe de tres goles que mantivo até chegar ao descanso (13-10).
Despois do paso polos vestiarios, a superioridade dos azuis fíxose máis evidente, apoiados en Brais Cerviño e Andrés Pérez que foron os encargados de aumentar a renda até o cinco tantos.
Con todo, e aínda que parecía que os locais a tiñan o encontro controlado, o Porriño non se rendeu e tratou de reducir diferenzas, rexurdindo pasado o ecuador do segundo tempo para apertar o luminoso (27-25).
Irene Vilaboa parou o tempo, pero en lugar de dar coa clave para reordenar aos seus, foi o equipo rival o que, por medio de Guille Fernández,apertou o resultado nun só tanto para sementar a incerteza no Pavillón Municipal (27-26).
Entrou entón o partido nos seus últimos 10 minutos e, cos nervios e a tensión sobrevoando o ambiente, Caue Herrera e Gonçalo Areias devolveron +3 ao Teucro cando máis o necesitaba.
O técnico do Porriño decidiu parar o tempo, pero os seus xogadores desaproveitaron o ataque. No seu lugar, Miguel Monteagudo anotaba o 30-26 a falta de pouco máis de 2 minutos para a finalización.
Parecía que os de Lérez tiñan a vitoria no peto, pero o partido non terminara. O conxunto visitante, con tres tantos de Martín Rodríguez, puxo en aprietos a un Teucro que, cun gol de Gonçalo case sobre a bucina, sentenciou o duelo para dar a vitoria ao seu equipo por 31-29.
Consulta as estatísticas neste enlace