O Pontevedra Club de Fútbol non se xogará nada a nivel clasificatorio na última xornada da liga regular, a que lle enfrontará o vindeiro domingo 5 de maio (12.00 horas) ao Racing Villalbés no Estadio Municipal de Pasarón. Con todo non pode ou non debe tratar esta cita como un trámite.
Así o defendeu este xoves en sala de prensa Toño Calvo, e é que para o centrocampista granate "aínda que non teñamos nada en xogo a nivel de clasificación é un partido importante para recuperar sensacións para o que nos vén".
Ao que se refire é a un play-off de ascenso con dúas eliminatorias complicadas e que se prevén intensas, e ás que será necesario chegar nas mellores condicións posibles.
"A realidade é que levamos un mes sen gañar un partido, as sensacións non acaban de ser do todo boas e temos unha oportunidade o domingo de recuperar esas sensacións de equipo dominador ao longo de todo o encontro. Afrontaremos o partido dese xeito", avisa Calvo sobre a visita dun Villalbés que si se xoga moito en Pasarón, ao estar a pelexar pola permanencia na categoría.
"Demostramos ser un equipo sólido e estable en gran parte da tempada e de cara ao play-off temos que recuperar nosa mellor versión, que é esa", incide Toño.
O centrocampista, que volveu ao equipo en Abegaondo tras un período con pouco protagonismo, defende ademais a importancia de todo o plantel para esta fase decisiva da tempada. "O plantel somos moitos xogadores, non só somos once. Ao final os play-off son partidos duros nos que que poden ocorrer unha chea de circunstancias, pode haber expulsións, goles temperáns... Creo que o ter enchufados a todo o plantel é un punto a favor do equipo e está en beneficio do grupo", asegura.
O 6 granate recoñeceu ademais que no equipo mírase cara á fase de ascenso e "falamos de rivais", algo inevitable, aínda que "somos conscientes de que depende de nós e que se queremos ascender de categoría temos que sacar nosa mellor versión", insiste. Ademais pediu "gozar dos play-off que tamén é algo bonito e que poucas veces ser vive na carreira dun deportista".