Toni Otero: "É complicado con cinco adestramentos cambiar moitas cousas"

Pontevedra
27 de xaneiro 2023

"A única maneira de sacar isto adiante é con compromiso e actitude", asegurou o técnico do Pontevedra Club de Fútbol este venres na rolda de prensa previa ao enfrontamento contra o Real Madrid Castilla (domingo, 17.00 horas) defendendo ademais que "un adestrador necesita tempo" para que as súas ideas se reflictan no campo

Rolda de prensa de Toni Otero no Estadio Municipal de Pasarón
Rolda de prensa de Toni Otero no Estadio Municipal de Pasarón / PontevedraViva

Que Pontevedra pode esperar a afección do Pontevedra o vindeiro domingo (17.00 horas) en Pasarón fronte ao Real Madrid Castilla? Toni Otero recoñeceu este venres na rolda de prensa previa á xornada que, pese ao cambio no banco, "levo cinco adestramentos co equipo e é complicado con cinco adestramentos cambiar moitas cousas".

Otero non renuncia a "aos poucos darlle unha identidade ao equipo", pero para iso "un adestrador necesita tempo", asegurou ante os medios de comunicación.

Co equipo granate en descenso e a catro puntos da zona de permanencia o tempo é precisamente o que máis escasea, polo que calquera punto conseguido pode resultar decisivo. Por iso, para conseguir sumar fronte ao filial madridista o seu plantel debe "entender que a única maneira de sacar isto adiante é con compromiso e actitude, ten que haber un cambio de imaxe con respecto ao que vimos facendo", explicou o ata o de agora director deportivo da entidade.

A dura derrota na Balona "deunos pé a falar moitas cousas", sinala en relación a un vestiario ao que lle pide "volver recuperar sensacións, confianza, facer cousas que non se estaban facendo". Por iso é polo que a prioridade estes días fose, defende, "tentar que os xogadores animicamente se recuperen, que estean ben, tranquilos, con confianza".

Toni sinalou que durante a súa primeira semana completa á fronte do equipo granate "traballouse con intensidade, con responsabilidade e con concentración", e que "sigo confiando neste plantel".

Sen querer valorar posibles movementos nun mercado aberto ata final de mes, e con tres importantes baixas por lesión (Bastos, Borja Domínguez e Brais Abelenda), ao novo adestrador preocúpalle "só gañar o domingo", aínda que como rival preséntese un dos equipos máis en forma da categoría, un Castilla "potente, forte, que transiciona rápido, ten xogadores con moito potencial e futuro. É un partido difícil".

En canto á afección, cun ambiente enrarecido e por momentos en ebulición en todo o que rodea actualmente o Pontevedra, Otero limitouse a sinalar que "é soberana", aínda que "lles pido apoio, é normal que estean enfadados, pero é o momento de unirse", pediu aos seguidores.