Toni Otero colle o temón do Pontevedra

Pontevedra
19 de xaneiro 2023

A directiva do club granate pon ao director deportivo do primeiro equipo á fronte do banco co obxectivo de evitar o descenso a Segunda Federación e sen precisar se o nomeamento é definitivo ou provisional

Toni Otero, director deportivo do Pontevedra
Toni Otero, director deportivo do Pontevedra / Mónica Patxot

Máis dun día despois do atropelado cesamento do xa exentrenador do Pontevedra, Antonio Fernández, o club de Pasarón fai oficial o nomeamento do director deportivo, Toni Otero, como novo responsable do banco granate.

O artífice da confección do plantel, que xa se postulou no verán a dirixir o primeiro equipo, era o principal candidato a coller o temón dun equipo que parece navegar irremediablemente cara ao abismo da Segunda Federación. 

Con todo, tras comunicar o despedimento do técnico ourensán sen confirmar quen sería o seu substituto. A sorpresa chegou no adestramento da mañá do xoves, no que Sergio Moreira, segundo adestrador do equipo, xunto cos demais compoñentes do corpo técnico, encargouse de dirixir a sesión.

Mentres tanto, desde a directiva do club gardaban silencio e Toni Otero permanecía nas oficinas do estadio sen acudir, como afacía durante toda a tempada, a presenciar o adestramento do equipo.

Finalmente, o técnico vigués será o encargado de sentar no banco no partido do domingo fronte ao Linense. Farao, iso si, coa única bagaxe de dirixir ao equipo nunha soa sesión e coa urxente necesidade de conseguir os tres puntos.

Pola súa banda, desde o consello de administración non precisan se o manterán no cargo ata final de tempada ou se, pola contra, trátase dun nomeamento provisional á espera da chegada dun novo adestrador.