Tolemia polo baloncesto no Municipal co 'Dream Game' entre Real Madrid e Mónaco

Pontevedra
11 de setembro 2024

Ambiente de gala o vivido este mércores no Pavillón Municipal dos Deportes para vivir un dos mellores partidos de baloncesto masculino que se poden ver actualidade, o duelo entre Real Madrid e Mónaco, ou o que é o mesmo entre os campións nacionais de España e Francia

'Dream Game' de baloncesto entre Real Madrid e Mónaco no Municipal
'Dream Game' de baloncesto entre Real Madrid e Mónaco no Municipal

É un dos mellores partidos que se poden ver na actualidade en Europa, e ademais chegaba 35 anos despois do último encontro do Real Madrid de baloncento en chan pontevedrés. Un cóctel que desembocou no gran ambiente vivido este mércores no 'Dream Game' organizado no Pavillón Municipal dos Deportes no marco do Torneo EncestaRías.

O pavillón pontevedrés vestiu de gala para ver aos Nick Calathes, Furkan Korkmaz, Tavares, Campazzo, Musa, ou Serge Ibaka. Non estaban sobre o parquet o MVP da pasada Euroliga, Mike James (si na bancada), así como Llul ou Usman Garuba, lesionado, pero pouco importou.

O duelo entre os campións das ligas española e francesa, que ben podía corresponder á Euroliga, contou ademais cunha emotiva homenaxe previa á recentemente falecida Maite Méndez, figura clave no baloncesto pontevedrés. As súas fillas recibiron a calor dos público minutos antes do salto inicial.

Un duelo en todo caso que, no deportivo, foi propio de datas de pretempada. Arrincou con imprecisións por ambos os dous bandos e en ocasións sen excesiva intensidade defensiva, pero sempre salpicado con momentos de calidade da tremenda nómina de estrelas que estaban sobre a cancha.

O Real Madrid dominou o primeiro cuarto (21-17) pero sen conseguir despegarse no marcador, unha tendencia que prolongou ata o tempo de descanso, ao que se chegou cun 35-30 no marcador.

Nun bo inicio de terceiro parcial, con máis ritmo nos dous equipos, o Mónaco chegou a neutralizar a vantaxe e poñerse 38-39, pero enseguida unha canastra de Ibaka e un triplo de Musa devolvían o mando aos brancos nun cuarto que se ía ata o 60-55.

Faltaban só dez minutos e reaccionou o campión francés para empatar (69-69) a falta de tres minutos, con momentos de maior tensión como a descualificación de Hezonja por protestar iradamente aos colexiados. Eran os instantes decisivos e aínda que sendo pretempada ningún quería perder. Ao final o 'Dream Game' pechouse cun 77-75 no electrónico grazas a unha canastra sobre a bucina de Gabriel Deck, aínda que o resultado para a maioría era case o de menos.

Toda unha festa do baloncesto que terá continuidade os próximos días especialmente coa novena edición do Torneo EncestaRías, no que ademais do propio Mónaco participarán o Valencia Basket e os dous equipos galegos da Liga ACB, o Breogán de Lugo e o Leyma Coruña.