Todo Marcón volve botarse a correr

Pontevedra
17 de agosto 2019

Pintos recibe a unha cantidade importante de persoas dispostas a particpar na trixésima cuarta edición da Carreira Popular da parroquia pontevedresa

Trixésima cuarta edición da Carreira Popular de Pintos
Trixésima cuarta edición da Carreira Popular de Pintos / Diego Torrado

O lugar de Pintos, na parroquia pontevedresa de Marcón, acolleu este sábado a súa máis que tradicional Carreira Popular, na que tomaron partes persoas de todas as idades dispostas a dalo todo na proba. Nesta ocasión, celebrouse o trixésimo cuarto aniversario da cita, organizada, unha vez máis, pola Asociación Cultural O Máis Alto de Marcón.

Os interesados en participar comezaron a chegar ao redor das 17:00 horas a Lugar Pintos, punto no que se reuniron corredores, organizadores e veciños. Entre as 16:00 e as 17:30 horas, todo o que o desexou puido realizar a súa inscrición na carreira, ademais de adquirir rifas para o posterior sorteo de todo tipo de produtos.

Preto das 18:00 horas, daba comezo  las diferentes probas, divididas por idade e sexo. Os primeiros foron os máis pequenos, iniciando a esperada actividade e quentando motores para os seguintes en tomar a testemuña.

Na cita, tomaron parte tamén deportistas profesionais de diferentes disciplinas, entre os que se atopaban, como xa é habitual, atletas da Sociedade Ximnástica de Pontevedra.

Unha vez finalizadas todas as probas chegou un dos momentos máis esperados da xornada: o sorteo. Despois da entrega de premios aos primeiros de cada categoría, a organización do evento repartiu unha serie de artigos entre os asistentes: desde televisores, altofalantes ou cafeteiras, ata xamón ou botellas de viño. E, por suposto, todos eles gozaron de diferentes pratos, que non só axudaban aos corredores para recuperarse do esforzo, senón que poñía a guinda a un día inmellorable en Marcón.

É destacable, tamén, que, un ano máis, a cita realizouse en colaboración coa Rede Axuda, polo que se recadou unha boa cantidade de litros de leite e artigos infantís, doados polos participantes e asistentes á cita pontevedresa.