Segue soñando en grande o Tenis de Mesa Monte Porreiro na máxima categoría masculina nacional, a Superdivisión.
O conxunto pontevedrés, que o mércores vencera a domicilio á Universidad de Burgos, repetiu este domingo no pavillón de Príncipe Felipe ante o complicado Irún Leka Enea (4-2).
O Visit Pontevedra afrontaba a cita coa ausencia do seu xogador Miguel Ángel Vílchez por un problema lumbar, o que lles fixo recorrer a un xogador do segundo equipo, Lucho Alto.
Non logrou sumar puntos, pero non importou porque Martín Betancor e André Silva tiraron do carro gañando dous encontros cada un para que os puntos quedasen na casa.
Un triunfo importante, porque a pesar de estar no tramo inicial da tempada achega cada vez máis o primeiro obxectivo do club, asegurar a permanencia na elite.
A zona de descenso está xa de feito, en só seis xornadas, a oito puntos de distancia.
A partir de aí chegará a quenda de ilusionarse con metas ambiciosas, e é que o equipo adestrado por Nando Álvarez mantense como colíder da Superdivisión con 11 puntos, os mesmos que o Priego TM e con dous de vantaxe sobre o terceiro en discordia, o Alacante TM.
Será o conxunto alacantino o próximo rival en liga, o vindeiro sábado 16 de novembro nunha xornada que tocará afrontar a domicilio.