O Teucro reacciona na segunda parte para superar o Porriño

Pontevedra
30 de marzo 2025
Actualizado: 12:03

O conxunto lerezano foi de menos a máis e impuxo o seu xogo despois do descanso, conseguindo dous importantes puntos para seguir na loita por disputar a fase de ascenso

Xornada de Primeira Nacional entre Teucro e Ciudad de Tacoronte
Xornada de Primeira Nacional entre Teucro e Ciudad de Tacoronte / Cristina Saiz

A Sociedad Deportiva Teucro foi de menos a máis no seu enfrontamento ante o Porriño, pero reaccionou na segunda metade para levar o triunfo por 29-32.

Con esta vitoria, o equipo lerezano suma dous puntos vitais que lle premiten manterse na zona alta da clasificación e na pelexa por poder disputar a fase de ascenso.

O encontro comezou cun forte dominio das defensas e con ambos os gardametas mantendo as súas portarías a cero durante o primeiros cinco minutos e medio. Tras o 0-0 inicial, foi o conxunto local o que rompeu a seca para establecer o 2-0 no marcador.

Custáballe ao Teucro atravesar a defensa rival e non abriu a lata até o minuto oito cun lanzamento desde o sete metros de Areias.

Tras o tanto, os pupilos de Irene Vilaboa empezaron a atoparse mellor en tarefas ofensivas e, cun parcial de 0-3, reduciron as distancias a tan só un gol.

Guillermo Fernández, con dous tantos consecutivos devolveu a vantaxe ao Porriño a falta de dous minutos para chegar ao descanso (14-11), pero Wagner, desde o sete metros, fixo o 14-12 co que puxo fin á primeira metade.

Despois do paso polos vestiarios o guion cambiou por completo e, con parcial de 0-4,o conxunto lerezano adiantouse por primeira vez en partido (14-16).

Adiantou a defensa entón o técnico local e, aínda que freou o empuxe ofensivo do Teucro, non serviu para que o seu equipo reducise distancias. A defensa teucrista mostrouse sólida e entre Ricardo González e Marchette encargáronse de manter a vantaxe.

Produciuse entón un intercambio de goles en ambas as portarías que beneficiou ao cadro visitante, ata que se alcanzaron os minutos decisivos, nos que o Porriño intensificou a súa presión para tentar recuperar balóns o máis rápido posible.

Martín Rodríguez achegou aos locais a dous goles (28-30, min. 58), pero os de Lérez mostráronse impasibles e aseguraron o triunfo cos tantos de Wagner e Ricardo González (29-32).

Consulta as estatísticas neste enlace