A Sociedad Deportiva Teucro demostrou a súa superioridade ante o Balonmán Lalín e levou o triunfo por un contundente 35-21. Os xogadores locais mostraron un gran nivel, destacando Sergio Wagner con 9 goles.
Arrincou o encontro co habitual intercambio de goles, que durou até o minuto sete de xogo cando o marcador mostraba un empate a tres.
Pasado o trámite, o Teucro púxose ao choio e pasou como unha apisoadora sobre o Lalín, endosando un parcial de 6-0 en apenas catro minutos que obrigaba ao técnico visitante a parar o cronómetro para reaxustar aos seus xogadores (8-3), que responderon cun 0-2 co que reducían distancias.
Non quería sustos o equipo de Irene Vilaboa e, a pesar de que o seu rival conseguiu levantarse e golpear para pór o 14-12 aos 22 de xogo, aguantou a arremetida para impulsarse na recta final do primeiro tempo e pór o 17-12 co que se alcanzou o descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o dominio teucrista continuou aínda que, esta vez, sen deixar opcións ao Lalín, que se vía excedido en cada ataque dun equipo local que puña o 27-18 no ecuador do segundo período.
Parou o tempo o cadro visitante para deter a hemorraxia, pero o Teucro seguiu dominando e golpeando, ofrecendo un gran nivel para facerse co triunfo por 35-21 e pechar o ano ao grande.
Consulta as estatísticas neste enlace