Teucro e Pontevedra buscan na rúa o apoio dos seus afeccionados

Pontevedra
11 de abril 2013

Os dous equipos máis representativos de Pontevedra protagonizan diversos actos na rúa horas antes de afrontar partidos vitais para as súas aspiracións intentando incrementar a afluencia de espectadores. A entidade teucrista afronta os últimos días da súa campaña "Es un 10"

Chega o tramo máis decisivo da competición e Teucro e Pontevedra coincidiron en mobilizarse en busca dun maior apoio nos partidos a celebrar no Pavillón Municipal e Pasarón respectivamente.

Os azuis afrontan os últimos días da súa campaña "Es un 10", coa que pretenden recadar os fondos necesarios para rematar a tempada mentres pelexan no deportivo por clasificarse para a fase de ascenso á Liga Asobal. Nestes últimos actos os xogadores da base regalarán entradas aos nenos e fotografías da súa presentación na Praza de Curros Enríquez e en Vialia este venres de 17:30 a 20:00 horas. Ademais os xogadores do primeiro equipo achegaranse o sábado, día do partido ante o Bidasoa, ao Mercado de Abastos e de novo a Curros Enríquez co mesmo obxectivo, de 11:30 a 14:00 horas.

Pola súa banda o Pontevedra Club de Fútbol, despois de renunciar a instalar unha carpa informativa na Praza da Peregrina este xoves por mal tempo, ten previsto retomar a iniciativa venres, sábado e domingo, onde venderá entradas (a dous, catro e seis euros) para o encontro ante o Compostela no que se renderá homenaxe á platilla que ascendeu a Primeira División en 1963 o día que se cumpren 50 anos da xesta.

Varios integrantes daquel equipo participarán na promoción. Concretamente o venres Cholo e Rafa Ceresuela acudirán ao posto en horario de 12:00 a 12.30, mentres Tito Estévez, José Jorge e Calleja o farán de 18:00 a 18:30 horas.