O Teucro, en contra de pechar os partidos ao público como símbolo contra a violencia no balonmán

Pontevedra
18 de decembro 2024

"Non estamos de acordo coa decisión de pechar o acceso aos nosos partidos para os nosos socios", asegura a entidade pontevedresa tras a decisión adoptada pola Federación Galega

Vista xeral do interior do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra
Vista xeral do interior do Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra / PontevedraViva

A decisión adoptada pola Federación Galega de Balonmán de pechar ao público o acceso aos partidos en todo o balonmán autonómico até o 18 de xaneiro non sentou por igual nos clubs deportivos.

O organismo federativo optou por esta drástica medida como acto de visibilización cara á importancia de erradicar a violencia no deporte, despois da agresión sufrida a fin de semana polo avó dun árbitro nun encontro cadete feminino disputado en Vilalonga.

A obriga de xogar a porta pechada debe respectarse en todas as competicións de ámbito autonómico.

Unha medida que este mércores foi criticada por un dos clubs con maior historia do balonmán galego e nacional, a Sociedad Deportiva Teucro.

Asegura o vicedecano nun comunicado feito público a través das súas canles oficiais que "condenamos firmemente calquera tipo de violencia" e que "o noso club se opón rotundamente a estas accións e apoia todas as medidas necesarias para erradicar a violencia no deporte".

A esta afirmación engade o Teucro que "con todo, non estamos de acordo coa cecisión de pechar o acceso aos nosos partidos para os nosos socios, xa que cremos que a afección é parte fundamental do noso club e o noso deporte".

"Seguiremos traballando para garantir unha contorna segura e familiar en todos os nosos eventos deportivos", conclúe o texto difundido polo Teucro.

Esta posición é contraria á mostrada en público polo outro club da cidade, o Cisne, quen tamén a través das súas redes sociais expresou que "aínda que difícil, a medida é un acto de responsabilidade e un claro posicionamento contra a violencia no deporte".

Todo porque "os lamentables feitos acontecidos o pasado domingo en Sanxenxo fan necesario un punto de inflexión que nos leve a reflexionar sobre o comportamento que debemos fomentar nas nosas instalacións deportivas".