Teresa Portela, premiada por Executivas de Galicia como embaixadora do deporte e da igualdade

Pontevedra
18 de xaneiro 2024

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este mércores a cerimonia da oitava edición de entrega do premio Executivas de Galicia á piragüista Teresa Portela

Teresa Portela, premio Executivas de Galicia
Teresa Portela, premio Executivas de Galicia / Deputación de Pontevedra

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolleu este mércores a cerimonia da oitava edición do premio Executivas de Galicia á piragüista Teresa Portela.

Esta edición do premio buscou resaltar o papel da muller no ámbito deportivo, especialmente no piragüismo, onde a presenza feminina foi historicamente subestimada.

Desde os seus inicios no verán de 1991, cando Teresa comezou a practicar piragüismo coa simple intención de divertirse con amigos, ata a súa participación en seis Xogos Olímpicos e a obtención da medalla de prata nos Xogos de Tokio 2021, a padeeira galega demostrou un compromiso excepcional e unha dedicación inquebrantable ao seu deporte.

Ademais dos seus logros deportivos, Teresa destacou pola súa capacidade para equilibrar a súa carreira cunha destacada formación académica, graduándose en Fisioterapia e completando a diplomatura de Maxisterio de Educación Física.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou no acto, no que subliñou o liderado desta deportista con 30 anos de traxectoria que inspira, dixo, a todas as mulleres, e que "marcará os pasos de novas xeracións de deportistas de todas as disciplinas".

"Galicia está a sentar as bases dunha sociedade máis xusta, equitativa, solidaria e diversa", indicou Rivo, quen destacou a contribución de Portela á igualdade no deporte polo seu "esforzo, paixón e traballo" atesourada por tres décadas de éxitos.

Neste acto tamén participou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que destacou o papel da medallista olímpica como "embaixadora" do deporte, da igualdade e da provincia e "exemplo de profesionalidade, conciliación e deportividade", destacou.

"Desde os 16 anos levas o nome de Pontevedra por todo o mundo e, ademais dos éxitos deportivos, estás a demostrar que nin a idade, o xénero ou as ocupacións laborais e familiares son impedimento para facer deporte", sinalou o presidente provincial, quen tamén quixo remarcar a súa fortaleza para "compaxinar o seu adestramento co seu traballo como fisioterapeuta e coas obrigas que temos os que somos nais e pais, así como cun papel activo en programas que promoven a igualdade".