A canguesa Teresa Portela, a pontevedresa Carolina García con Estefanía Fernández e Sara Ouzande lograron rematar na mañá deste martes a súa proba en segunda posición e, por tanto, participarán na final que se disputará o xoves 8.
Clasificáronse directamente para a Final A de K-4 500 coa presenza do Rei de España, Felipe VI, que acudiu ás instalacións para ver a competición desta proba sprint.
Con este éxito, a piragüista de Cangas, Teresa Portela, disputará unha nova final olímpica con 42 anos nos seus sétimos Xogos Olímpicos.
En Atenas foi quinta en K2 500 e en K4 500; catro anos máis tarde, en Pequín clasificouse como quinta en K4 500; xa en Londres 2012 obtivo a cuarta posición en K1 200 e en Río 2016, o sexto posto en K1 200.
Finalmente, en Toquio 2020 converteuse en subcampioa olímpica na categoría de K1 200.
A xornada de inicio das probas de piragüismo en París 2024 tamén se saldou co éxito de Antía Jácome e María Corbera coa súa clasificación directa para acceder á semifinal da proba olímpica de C-2 500.
Pola súa banda, a piragüista pontevedresa Carolina García Otero en K2 500 terá que disputar os cuartos de final, tras quedar quinta con Sara Ouzande na súa serie