Teresa Portela disputa este xoves 8 de agosto a final de K-4 500 feminino nos Xogos Olímpicos xunto a outra pontevedresa, Carolina García, e con Estefanía Fernández e Sara Ouzande. A canguesa ten 42 anos e esta convocatoria parisiense supón a súa participación en sete Olimpíadas. Falamos con Cristina Casanova Jiménez, fisioterapeuta especializada en deporte, profunda sabedora de Xogos Olímpicos e ademais coñece ben á piragüista morracense.
Pódese considerar como excepcional unha traxectoria deportiva como a de Teresa Portela?
Desde logo non é o habitual que as carreiras deportivas en mulleres deportistas de elite sexan tan lonxevas como a de Teri. Con todo, si hai outros casos como o da piragüista italiana de orixe alemá Josefa Idem, que participou en oito Xogos Olímpicos; ou casos similares no noso país como Maialen Chourraut con cinco participacións e que conseguiu meterse noutra final olímpica aos seus 41 anos; ou o da xogadora de baloncesto 3x3, Sandra Ygueravide, quen aos seus case 40 anos na súa primeira participación olímpica exhibiu un xogo e un estado de forma incribles, e que xunto coas súas compañeiras conseguiu a prata en París 2024.
Teri é historia do deporte español, conseguiu o que ningunha outra deportista do noso país logrou a día de hoxe, sete participacións olímpicas!!!.
Cales consideras as súas maiores virtudes?
Ten moitas. É unha traballadora incansable pero ao mesmo tempo ten esa humildade da persoa que quere seguir mellorando, crecendo, aprendendo... É xenerosa, preocúpase porque todo o mundo estea ben ao seu ao redor, é unha persoa que ten un apromo e unha calma que se contaxian.
Nunha deportista de elite e nesta disciplina deportiva en concreto, a idade en que pode condicionar?
A idade non é un condicionante tan decisivo como o son os hábitos: un adestramento de calidade, a alimentación, o descanso, a xestión do estrés... Se Teri aos seus 42 anos segue mellorando nos seus parámetros, a idade só é un número.
Ela ademais de piragüista tamén é fisioterapeuta. Esta formación, será un plus de autoconocimiento en preparación e recuperación, entendo.
Por suposto, ela coñece ben o seu corpo e as súas sensacións. Se a iso engádeslle os seus coñecementos profesionais de anatomía, fisioloxía, etcétera, fai que en certa maneira sexa capaz de anticiparse a unha lesión importante, ou se este ou aquel exercicio, estiramento, vai mellor nun determinado momento.
Que factores, externos e internos, poden estar a favorecer ou poden prexudicala nestes Xogos Olímpicos?
Cando chegas a uns Xogos Olímpicos está todo estudado ao milímetro, non hai nada que se deixe ao azar. Teri ten desde hai moitos anos como adestrador a Daniel Brage que agora tamén adestra a todo o grupo de kaiak de mulleres en Pontevedra. É un adestrador esixente pero traballador, metódico e en procura constante da excelencia en cada pequeno detalle.
Ademais ela ten a experiencia doutras citas olímpicas, sabe perfectamente abstraerse nos seus momentos de concentración e de descanso. Conta ademais co apoio de David e Naira, marido e filla, que a acompañan a todas as súas competicións e son un piar básico para Teri.
Quero concretar máis tras a pregunta anterior e abro o foco para todos os deportistas. Transcenden noticias e imaxes sobre factores como o descanso e a alimentación, fundamentais como dicías no rendemento, ata que punto poden estar a repercutir nas competicións?
Sabemos que as noticias 'diferentes' sempre se fan virais, corren como a pólvora e unhas veces son máis fieis á realidade que outras. Pero en xeral nestes Xogos Olímpicos parece que está a haber bastante polémica con temas como as camas. Se cadra unha ximnasta que pesa 48kg pode descansar nunha cama de 90cm cun colchón de escuma de dous dedos de grosor, pero un xogador de balonmán ou de baloncesto, por poñer un exemplo, non; e o descanso si que condiciona notablemente o rendemento deportivo.
Do mesmo xeito, a comida, que era escasa e pouco variada os primeiros días, ou a falta de auga embotellada, a temperatura das habitacións, ter aos deportistas mollados de xeito total tres horas durante a cerimonia inaugural ou facer competir aos de tríatlon nun río con correntes perigosas e niveis de E. Coli insalubres... Pasas un ciclo olímpico medindo cada cousa que fas con lupa, para que os que teoricamente teñen que coidar aos atletas ao máximo non o fagan. Incomprensible.
Volvendo a Teresa Portela. A súa preparación mental, ata onde a coñeces está tamén entre as súas afoutezas?
Pois un pouco o que comentaba antes, é tranquila, paciente, ten calma, está segura do que fai e se guía moito polas súas sensacións. Cando as cousas saen mal non se afunde, senón que o relativiza, do mesmo xeito que se as cousas saen xenial, enseguida volve ao aquí e agora porque sabe que toca seguir traballando.
Aproveito tamén para preguntar por outra deportista que vai marcar estes Xogos: Carolina Marín. O que lle ocorreu o 4 de agosto era previsible, pouco probable, imprevisible?
O de Carolina foi desgarrador e cruel a partes iguais. Poucos deportistas terían unha preparación máis concienzuda e traballada que ela. Todo lle estaba saíndo segundo o plan establecido e cando xa estaba a tocar a medalla, case... terceira lesión!.
O bádminton é un deporte moi esixente para os xeonllos, moito apoio monopodal, moita aceleración e freado, moita finta e cambios de dirección. Por desgraza as lesións de cruzado non son estrañas, poden ser bilaterais e frecuentemente recidivan, pero iso non é nada que se poida predicir, só traballar ao máximo para minimizar os riscos como Carolina e o seu equipo fixeron.
Esa excelencia deportiva da que tanto se fala neste contexto olímpico é irremediable que fisicamente conleve secuelas ao someter a un corpo a esixencias tan constantes tanto tempo?
Obviamente o deporte de elite leva ao corpo aos seus límites de maneira constante e iso deixa un sinal no mesmo en forma de lesións músculo-esqueléticas, adaptacións cardíacas..., sen meternos xa en temas de saúde mental, que moitas veces son irreversibles. Hai que ser conscientes de que a vida dun deportista dura de media ata os 38-40 anos, pero que con sorte seguirán habitando no seu corpo moitos anos máis e deben coidalo,- como deberiamos facer todos -, como o que é, un templo. Mentres o corpo, a mente e a motivación acompañen, o deportista pode estender a súa carreira deportiva... quizais ata os oitavos Xogos Olímpicos?.
Esta final de K4- 500 feminino está prevista para as 13.40 horas este xoves 8 de agosto. Se as padeeiras fan podio, será a segunda medalla olímpica para Teresa Portela.