A padeeira Teresa Portela e o actor e humorista Carlos Blanco serán os padriños da segunda edición da Carreira de Leo. Tratase dunha iniciativa solidaria que ademais de tratar de recadar fondos pretende render homenaxe ao pequeno Leo, que faleceu o pasado ano e que padecía déficit de proteína B de surfactante.
Segundo a organización, a elección dos padriños "foi moi sinxela" xa que ambos representan valores como a "perserverancia, loita, empatía e sensibilidade", aspectos que "pretendemos transmitir coa celebración deste evento". Indican, ademais, que a predisposición de ambos "foi total dende que contactamos con eles".
Teresa Portela e Carlos Blanco forman un "K-2 perfecto no equipo das enfermidades raras e nós non podemos estar máis contentos de que se suban ao noso barco", admiten.
Nesta Carreira de Leo 2024, o 75% do recadado destinarase a Asociación Galega da Enfermidade de Dent e o 25% a Asociación de axuda a pacientes pediátricos Oncolóxicos da área sanitaria de Vigo.