Leva seis Xogos Olímpicos ás súas costas pero quere máis. A brillante medalla de prata conseguida por Teresa Portela en Tokyo encheu á padexeira canguesa de aínda máis motivación para ir a por o reto de estar en París 2024.
"Soñar con poder estar en París para min sería algo incrible, aínda que agora o vexo moi lonxe" recoñeceu este xoves Portela na presentación de Pontevedra como sede do equipo nacional feminino de kaiak durante o próximos tres anos.
"As forzas danmas os resultados, se hai resultados é a motivación que necesito para seguir adestrando e seguir mellorando, e esta medalla deume moita motivación, así que teño para longo", asegura.
Tras anos preparándose en solitario en Pontevedra co seu adestrador Daniel Brage, o agora seleccionador nacional dirixirá en Galicia un proxecto que abre a posibilidade a Portela de competir non só a nivel individual senón de formar parte dunha embarcación de equipo, xa sexa o K-2 ou o K-4.
"Ata o de agora non mo plantexaba. Ter que desprazarme a Sevilla, Madrid ou outros sitios para poder formar parte do equipo nacional nun barco de equipo, coa miña filla escolarizada e todo era inviable, non pasaba pola miña cabeza, pero agora que esta sexa a sede para min é perfecto", recoñece Teresa sobre un reto que "me fai ilusión".
Con todo para lograr un barco de equipo competitivo "é algo que aínda fai falta moito traballo, coñecernos, compenetrarnos", avanza. Non en balde España non clasifica unha embarcación de equipo en kaiak feminino para uns Xogos desde 2008.
Ademais Teresa afronta outro reto, o cambio de distancia ao deixar de ser olímpico o K-1 200 metros no que conseguiu a súa medalla en Tokyo. Por iso "tiña pensado preparar o K-1 500", explica.
CAROLINA GARCÍA
Xunto a Teresa Portela formará parte do equipo nacional de kaiak outra padeeira pontevedresa como Carolina García, que puido regresar a casa tras uns anos en Sevilla. "Estou moi contenta de poder estar aquí, que estea todo o equipo e ademais con Teresa Portela", recoñece xa que se trata dunha deportista referente que "achega moita experiencia e unha forma moi metódica de adestrar, é moi disciplinada".
Para Carolina, que esta campaña deixou as filas da EP Ciudad de Pontevedra, "o obxectivo sempre é ir a uns Xogos Olímpicos", aínda que para iso "de momento hai que ir adestrando, ano a ano e clasificando para as competicións e ao final tentar estar nun barco que teña opcións".