Desde hai dous días, a selección española feminina, actual campioa do mundo de fútbol, está inmersa nunha intensa preparación para afrontar a súa participación nos Xogos Olímpicos de París, nos que será unha das grandes favoritas do torneo.
Na localidade segoviana de Los Ángeles de San Rafael concentráronse as 26 futbolistas que a seleccionadora Montse Tomé convocou para esta primeira fase de adestramento.
Nela prepáranse tamén os dous últimos partidos de clasificación para a Eurocopa 2025, ante República Checa e Bélxica, que se xogarán o venres 12 e o martes 16 de xuño, respectivamente.
Pero non todas as xogadoras convocadas estarán en París 2024. Para a cita olímpica, España só pode levar dezaoito xogadoras e outras catro quedarán como reservas.
E este mércores saímos de dúbidas. A pontevedresa Teresa Abelleira será unha das deportistas que loitarán polo ouro nos Xogos Olímpicos. Ela forma parte da convocatoria definitiva para París, na que repetirán moitas das campioas do mundo.
Anunciouno a veterana xornalista Paloma del Río nun vídeo que a Federación Española de Fútbol compartiu a través das súas redes sociais.
Nada mejor que la voz de los Juegos Olímpicos...
— Selección Española Femenina de Fútbol (@SEFutbolFem) July 3, 2024
...para anunciar una lista única #UnSueñoCompartido | #JugarLucharYGanarpic.twitter.com/Ujhe4ABeXJ
As convocadas son:
Porteiras: Cata Coll (FC Barcelona) e Misa (Arsenal)
Defensas: Ona Batlle (FC Barcelona), Laia Aleixandri (Manchester City), Laia Codina (Arsenal), Olga Carmona (Real Madrid), Oihane Hernández (Real Madrid) e Irene Paredes (FC Barcelona)
Centrocampistas: Teresa Abelleira (Real Madrid), Alexia Putellas (FC Barcelona), Aitana Bonmatí (FC Barcelona), Jenni Hermoso (Club Tigres) e Patricia Gijarro (FC Barcelona)
Delanteras: Athenea del Castillo (Real Madrid), Lucía García (Monterrey), Salma Paralluelo (FC Barcelona), Mariona Rodríguez (Real Madrid) e Eva Navarro (Atlético de Madrid).
As suplentes son Elena Lete (Real Sociedad), Vicky López Serrano (FC Barcelona), María Méndez (Levante) e Alba Redondo (Real Madrid).
España, que viaxará o día 21 a Francia, estrearase no torneo feminino de fútbol olímpico. Campioa mundial e da primeira edición da liga de Nacións, enfrontarase no grupo C a Xapón e Nixeria en Nantes, os días 25 e 28, e a Brasil o 31 en Bordeus.