Teresa Abelleira foi a gran protagonista do partido entre a Selección Española e Italia no Estadio Municipal de Pasarón, non só pola súa calidade no xogo, senón porque por fin a cidade na que naceu e creceu como futbolista púidoa ver en directo vestindo a elástica do equipo nacional.
A xogadora pontevedresa recoñeceu despois do encontro que "o ambiente que houbo hoxe aquí foi incrible, ver o estadio cheo e ao acabar ter o apoio da túa familia... É unha sensación brutal. Xa podo dicir que xoguei no estadio da miña cidade".
Admitiu tamén que "é unha sensación rara porque estou contenta por vivir este día aínda que o partido non fose bo". Neste sentido, a pesar da derrota ante a Azzurra "o primeiro obxectivo está xa tachado, estamos en semifinais e tentaremos seguir adiante nesta competición e conseguir gañala".
En canto á polémica do cambio no descanso e xogar cunha xogadora menos, Tere Abelleira explicou que "non sei exactamente que pasou". Sabe que "entrou Lucía rápido ao campo e contamos que faltaba outra compañeira. Foi un pouco de desconcerto porque empezas cunha menos, métenche un gol, daquela outro gol a balón parado... Isto non pode pasar a este nivel", concluíu.