Cun gol de Mariona Caldentey no tempo engadido, a vixente campioa do mundo logrou superar a Suecia no primeiro partido da Uefa Nations League con Montse Tomé estreando banco.
A pontevedresa Tere Abelleira foi titular e disputou os 90 minutos dun partido no que as españolas foron de menos a máis para demostrar que son unhas profesionais e nin a polémica que sobrevoa a Selección, nin as horas sen durmir ao longo desta semana, poderán frear as súas ganas de pelexar cada minuto e ir a por a vitoria.
Si que é verdade que as horas en vela e as continuas pelexas coa Federación pasaron factura ás xogadoras ao comezo do encontro, moi espesas á hora de xogar e con pouca mobilidade no verde. Parecía que España non tiña medio centro, Suecia pechaba ben o medio campo e nin Tere, nin Alexia, nin Aitana aparecían para xerar ocasións en área rival. As suecas mantiñan a súa superioridade no campo e co paso dos minutos empezaron a crear perigo en terreo español pero sen ver os tres paus.
Con todo, o gol local non tardou en chegar. Asllani sacou de esquina e Eriksson, aproveitando un erro de marca, rematou de cabeza completamente soa ao interior da portería defendida por Cata Coll e subiu o 1-0 ao luminoso no minuto 23.
Tocaba dar a volta ao partido e aos poucos as xogadoras españolas reaccionar. Comezaron a conectar e chegar con maior facilidade e así devolver a igualdade. Mariona foise pola banda esquerda e, antes de pisar área, cedeu a Athenea, que enviou un disparo afastado que Musovic foi incapaz de atallar.
A entrada da Selección Española no segundo tempo foi completamente diferente á do primeiro, avisando nada máis saltar dos vestiarios cun chute perigoso de Lucía García que parou a porteira local.
Seguiu buscando o segundo gol o combinado adestrado por Montse Tomé, de novo cun lanzamento da xogadora vasca e pouco despois con Aitana, pero unha vez máis Musovic apareceu para evitalo.
O 1-2 estaba cada vez máis preto, mentres Suecia era incapaz de xerar perigo en área de Cata Coll. Tere Abelleira traballaba en defensa para tentar evitar que Asllani entrase no xogo de ataque sueco e a capitá local facía o propio coa do Real Madrid.
Iso si, no momento no que a pontevedresa apareceu en ataque chegou a remontada. Tere, desde o medio do campo enviou en longo á dereita a Eva Navarro, que recortou ao seu par e xutou para marcar un auténtico golazo coa esquerda e adiantar a 'a vermella' no minuto 79. Pero a alegría española durou moi pouco e catro minutos despois, de novo nun erro defensivo, Hurtig devolveu as táboas.
Entrou o partido na recta final e España envorcouse por completo en busca do terceiro tanto. A de Pontevedra tentouno cun chute afastado e Eva Navarro cunha vaselina, pero ambos os disparos fóronse por encima da portería por moi pouco.
E despois de tanto buscalo chegou o merecido gol. Amaiur, que entrara en lugar de Lucía García, provocou un penalti e a expulsión de Ilestedt, Mariona tirou desde os once metros e asinou a sentenza por 2-3.