A polémica non se apaga ao redor da Selección Española Absoluta Feminina de Fútbol. As futbolistas internacionais que asinaron hai días un comunicado esixindo cambios de maior calado na estrutura do fútbol feminino español, e no que rexeitaban mentres tanto a súa convocatoria co equipo nacional, reaccionaron cun novo documento conxunto á lista oficial dada este luns pola nova seleccionadora absoluta, Montse Tomé.
Entre elas atópase a pontevedresa Tere Abelleira, unha das campioas do Mundo incluída na convocatoria para os primeiros partidos da fase de grupos da Nations League que debían disputarse este xoves 20 e o martes 26 fronte a Suecia e Suíza respectivamente.
"As Xogadoras da selección absoluta feminina de fútbol queren manifestar, por mor da convocatoria e a posterior rolda de prensa da nova seleccionadora nacional, Montse Tomé, o seguinte: O expresado no noso comunicado deixa claro e sen ningunha opción a outra interpretación nosa firme vontade de non ser convocadas por motivos xustificados. Estas afirmacións seguen plenamente vixentes", aseguran no texto difundido polas propias futbolistas en redes sociais.
"Nós como xogadoras profesionais de elite e tras todo o acontecido no día hoxe, estudaremos as posibles consecuencias legais ás que nos expón a RFEF ao poñernos nunha lista da que pediramos non ser convocadas por razóns xa explicadas publicamente e con máis detalle á RFEF, e con iso tomar a mellor decisión para o noso futuro e para a nosa saúde", explican.
Ademais as futbolistas engaden que "a convocatoria non se realizou en tempo e forma, de conformidade co art. 3.2 do Anexo I do Regulamento sobre o Estatuto e Transferencia de Xogadores da FIFA, polo que entendemos que a RFEF non se atopa en disposición de esixirnos acudir á mesma".
"Lamentamos unha vez máis que a nosa Federación nos sitúe nunha situación que non teríamos desexado nunca", conclúe o comunicado compartido por Teresa Abelleira e o resto de xogadoras implicadas a última hora do luns.
— Teresa Abelleira (@teresabelleira) September 18, 2023