Tere Abelleira, protagonista na previa da Nations League: "Por fin falamos de fútbol"

Pontevedra
26 de outubro 2023

A futbolista pontevedresa compareceu este xoves ante os medios de comunicación na rolda de prensa previa ao duelo que a Selección Española Absoluta xogará en Italia, na terceira xornada da Nations League, ante o rival que visitará Pasarón o próximo 1 de decembro

Rolda de prensa de Tere Abelleira previa ao Italia-España da Nations League
Rolda de prensa de Tere Abelleira previa ao Italia-España da Nations League / RFEF

As augas, agora si, parece que volven ao seu lugar na Selección Española Absoluta Feminina de Fútbol, que este venres 27 de outubro afrontará a terceira xornada da Nations League en Italia, rival que visitará o Estadio Municipal de Pasarón o próximo 1 de decembro.

Así o recoñeceu Teresa Abelleira ante os medios de comunicación na rolda de prensa previa ao choque, xa desde terras italianas.

"Persoalmente estou ben, fisicamente levo cargas de partidos pero faise de todo para recuperar canto antes e seguir a bo nivel. E mentalmente por fin falamos de fútbol", sinalou a pontevedresa exercendo de portavoz do resto das súas compañeiras do equipo nacional.

A campioa do Mundo, iso si, botou a vista atrás para lembrar que "tivemos que pelexar pola protección das mulleres, pola nosa compañeira que era o máis importante, que ela sentise outra vez protexida aquí", asegurando que "é verdade que aínda que no seu momento non notamos o respaldo da Federación parece que agora si que se chegou a un acordo, as conversacións que houbo foron positivas e creo que empezamos a camiñar unidas".

Tere, consolidada como unha peza crave na Selección Española, espera que o equipo poida manter o bo nivel de xogo e resultados dos últimos partidos, aínda que "ao final Italia é un equipo super forte, moi intenso, estarán metidas no partido 90 minutos e sabemos que saír desde o principio moi concentradas", defendeu sobre o que será tamén rival nun partido que será especial, o que se xogará na súa casa, Pontevedra, na próxima xanela internacional.

O que ten claro a centrocampista é que agora as rivais míranas de maneira diferente, e é que "para todas as seleccións gañar á campioa do mundo é un plus engadido e afrontámolo con máis ganas aínda de dar o noso mellor nivel e demostrar por que somos campioas".