Tere Abelleira, na lista da Selección para a xanela internacional previa a xogar en Pasarón

Pontevedra
18 de outubro 2023

A futbolista pontevedresa mantense nos plans da nova seleccionadora nacional, Montse Tomé, que a citou para o dobre compromiso da Nations League que España afrontará en Italia e Suíza. A próxima convocatoria será xa para a xanela internacional de decembro, na que a campioa do Mundo xogará en Pontevedra

Tere Abelleira, no partido da Uefa Nations League ante Suecia
Tere Abelleira, no partido da Uefa Nations League ante Suecia / Real Federación Española de Fútbol

A presenza de Teresa Abelleira nunha convocatoria da Selección Española de Fútbol deixou de ser unha sorpresa, e é que a pontevedresa está plenamente consolidada no equipo nacional tras o seu espectacular rendemento no Mundial que concluíu con vitoria española.

Máis aló da polémica última citación, na segunda lista da nova seleccionadora Montse Tomé mantense a centrocampista do Real Madrid.

Abelleira foi convocada para o dobre compromiso que España afrontará na Nations League, visitando a Italia e Suíza respectivamente os próximos 27 e 31 de outubro nas localidades de Salerno e Zúric, onde as campioas do mundo tentarán dar continuidade aos triunfos nas dúas primeiras xornadas da competición de nacións.

Trátase ademais da última lista oficial antes da que ofrecerá a Selección Española para o partido xa confirmado do próximo 1 de decembro no Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra fronte a Italia.

Entre as novidades nesta ocasión atópase o regreso ao combinado nacional de Jenni Hermoso, Ivana Andrés, Salma Paralluelo e Esther González, todas elas campioas do mundo o pasado mes de agosto e que non foran chamadas na anterior xanela internacional.