O parque polideportivo do Casino Mercantil en Mourente acolleu este mércores o Día do Socio de Honra Mercantil Pontevedra 2024.
Foi unha edición deste acto do máis deportivo, e é que foron homenaxeados dous dos grandes deportistas profesionais da cidade, como a futbolista Tere Abelleira e o triatleta Javier Gómez Noya.
O recoñecemento a ambos os dous deportistas de elite prodúcese, sinala o Mercantil, "pola súa traxectoria e logros dos últimos anos que levaron o nome da nosa cidade por todo o mundo".
O acto contou con presenza de autoridades como o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, ou a presidenta do Pontevedra Club de Fútbol, Lupe Murillo, entre outros, xunto ao presidente da propia entidade recreativa, Roberto Vega.