Tere Abelleira e España, a semifinais do Mundial tras vencer a Países Baixos nunha prórroga de infarto (2-1)

Pontevedra
11 de agosto 2023

A futbolista pontevedresa foi de novo titular con España no partido de cuartos de final do Campionato do Mundo, completando sobre o céspede 120 minutos de xogo de infarto, e que terminaron por decidirse cun gol de Salma Paralluelo para España no minuto 111 de partido

España celebra o seu pase a semifinais do Mundial tras gañar a Países Baixos
España celebra o seu pase a semifinais do Mundial tras gañar a Países Baixos / RFEF

A Selección Española de Fútbol está en semifinais do Campionato do Mundo. O combinado nacional, con Tere Abelleira de novo como peza indispensable no seu equipo, segue facendo historia no Mundial de Australia e Nova Zelandia, e xa só está a dous partidos do título.

A centrocampista pontevedresa non só foi de novo titular con España no partido de cuartos de final fronte a Países Baixos, unha das grandes favoritas, senón que completou sobre o céspede os máis de 120 minutos de xogo entre tempo regulamentario, prórroga e descontos.

Foi un duelo de auténtico infarto, e que non se decidiu ata o minuto 111, enfilando o final do tempo extra, nunha gran acción individual de Salma Paralluelo, ao desbordar por velocidade e definir cun zurdazo cruzado que tocou o poste para bicar despois as redes.

Antes pasara case de todo. España puido adiantarse na primeira metade, pero Alba topouse por dúas veces seguidas co poste nun primeiro remate de cabeza e no posterior rexeite.

Pouco despois o VAR invalidaba un tanto de Esther por fóra de xogo. O marcador non se movía pero as sensacións da Selección ao descanso eran inmellorables.

Claro que tamén Países Baixos ameazaba, e ata chegou a celebrar un penalti pitado ao seu favor cando no minuto 63 Irene Paredes derrubaba a Beerensteyn dentro da área. De novo o videoarbitraxe entraba en acción, corrixindo a decisión a colexiada ao estimar que se tratou dunha carga legal.

O que non foi por unha banda, acabou sendo pola outra, e é que a menos de 10 minutos para o final do tempo regulamentario Salma poñía un centro desde o costado que rebotó nas mans de Van der Gragt. A xuíza non o viu en directo, pero entrou de novo en acción o VAR para confirmar a pena máxima que Mariona convertía no 1-0.

As semifinais estaban ao alcance da man, pero aínda ía quedar moito que suar porque o cadro neerlandés empataba no 91 cun potente disparo cruzado Van der Gragt.

O partido ía á prórroga, con máxima tensión que saltou polo aire cando Salma Paralluelo protagonizou a xogada clave coa que fixo o definitivo 2-1.

España, e con ela Tere Abelleira, seguen soñando no Campionato do Mundo.