Tere Abelleira, convocada á preparación de España para os Xogos Olímpicos

Pontevedra
25 de xuño 2024

A futbolista pontevedresa é unha das 26 citadas pola seleccionadora nacional para afrontar dous encontros da fase de clasificación para o próximo Europeo e, sobre todo, para preparar a participación nos Xogos Olímpicos de París

Tere Abelleira en el partido de Liga de Naciones entre España e Italia en Pasarón
Tere Abelleira en el partido de Liga de Naciones entre España e Italia en Pasarón / Mónica Patxot

A só un paso está xa de converterse oficialmente en olímpica a pontevedresa Teresa Abelleira.

A centrocampista do Real Madrid foi citada este martes para unha nova concentración da Selección Española Absoluta de Fútbol, da que é xa unha habitual, coa particularidade de que ademais de afrontar un dobre duelo da fase de clasificación do próximo Europeo (para o que España xa se clasificou matematicamente) estas xornadas servirán para preparar os Xogos Olímpicos de París.

A seleccionadora nacional, Montse Tomé, citou 26 xogadoras a esta convocatoria, que comezará o día 30 de xuño e alongarase ata o día 17 de xullo, catro días antes de que o equipo olímpico poña rumbo a Francia.

No que respecta á lista para os Xogos, só poderá ser de 18 futbolistas (máis catro reservas), polo que Tomé deberá aínda realizar varios descartes.

Abelleira en todo caso foi unha fixa nas convocatorias de España desde o Mundial, polo que a súa presenza nos Xogos é unha posibilidade moi real.

Antes de tomar a decisión sobre a lista definitiva, España pechará a fase de clasificación para a Eurocopa ante República Checa o 12 de xullo no Letní Stadium (Chomutov) e ante Bélxica o día 16 de xullo no estadio coruñés de Riazor.