Tere Abelleira celebra con España o título da Nations League

Pontevedra
28 de febreiro 2024

A centrocampista pontevedresa, recuperada da súa lesión, entrou esta vez si na lista oficial da Selección Española Absoluta para a gran final da Liga de Nacións ante Francia, aínda que non chegou a gozar de minutos sobre o terreo de xogo

La Selección Española, campioa da UEFA Women's Nations League
La Selección Española, campioa da UEFA Women's Nations League / RFEF

Campioa do Mundo e agora, tamén, campioa da UEFA Women's Nations League. 

Teresa Abelleira e a Selección Española lograron este mércores o segundo título oficial da súa carreira para a pontevedresa e da historia para o combinado nacional feminino, ao vencer a Francia (2-0) na final da liga de Nacións celebrada no estadio sevillano de La Cartuja.

Nunca gañara España ao combinado galo, pero a esta Selección non hai nada que se lle resista e segue derrubando barreiras, con 32.657 espectadores nas bancadas.

Esta vez estaba vestida de curto, aínda que no banco, Tere Abelleira, e é que ao contrario que na semifinal do pasado venres fronte a Países Baixos a pontevedresa entrou na lista oficial de 23 futbolistas para a final, recuperada da lesión que lle impediu participar con normalidade no inicio da concentración internacional.

A súa entrada na convocatoria, do mesmo xeito que a Alexia Putellas, permitiulle celebrar o título de España ao grande e con todos os dereitos de campioa, recibindo medalla oficial aínda que non gozase finalmente de minutos sobre o céspede.

No que respecta a a final, o equipo español impuxo o seu dominio nun traballado duelo que decidiu cos goles de Aitana e Mariona nos minutos 33 e 54 do partido respectivamente.

A Selección Española leva ademais desta xanela internacional a clasificación para os Xogos Olímpicos de París, próximo reto para as campioas do Mundo e, como non, para Teresa Abelleira.