Tere Abelleira, ás voltas co seu futuro: "Todo está por decidir, pero non pecho opcións a nada"

Pontevedra
22 de febreiro 2024

A futbolista pontevedresa, cuxo contrato co Real Madrid finaliza o próximo mes de xuño, valorou a súa situación nunha entrevista concedida a Deportes COPE

Tere Abelleira, saíndo da Ciudad del Fútbol de Las Rozas
Tere Abelleira, saíndo da Ciudad del Fútbol de Las Rozas / RFEF

A Selección Española de Fútbol segue sen despexar a incógnita de se Tere Abelleira e Alexia Putellas estarán na lista oficial de España para a fase final da Liga de Nacións, que arrinca este venres 23 de febreiro en Sevilla coa semifinal fronte aos Países Baixos na que un triunfo supoñería a clasificación para os Xogos Olímpicos.

A intención da seleccionadora é esperar o máximo posible, ata o día do partido, para confirmar cales son as dúas descartadas na convocatoria, aínda que nin Tere nin Alexia teñen aínda a alta médica das lesións que sufriron nas últimas semanas.

Iso non impediu á pontevedresa desprazarse co resto da expedición da Selección este xoves a Sevilla, e a ser protagonista dalgunha entrevista como a concedida a Deportes COPE, na que entre outras cousas falou do seu futuro.

O contrato da campioa do mundo pontevedresa co Real Madrid expira o próximo mes de xuño, por iso non é asunto menor pensar nas súas posibilidades de cara ao próximo curso.

"Aínda queda moita tempada e todo está por decidir, pero non pecho opcións a nada", recoñeceu Abelleira asegurando que quere centrarse na súa recuperación e en terminar da mellor maneira posible a campaña. "Aprendín a sacar as cousas da cabeza e estar centrada, hai que barallar pros e contras e xa se verá", afirmou.

En canto á tempada en curso, na que o Real Madrid non cumpriu co que se esperaba do proxecto ao caer elminado moi pronto da Liga de Campións, Tere recoñeceu que "aspirabamos a cousas máis grandes, pero tamén hai que poñer todo en contexto e ver que somos un equipo que acaba de nacer", en comparación coa traxectoria do Barcelona, aínda que "pronto tentaremos darlle á afección a alegría que busca".

Tere Abelleira soña ademais con estar nos próximos Xogos Olímpicos, algo que España conseguirá se gaña o venres aos Países Baixos. "Non pensamos en dobres opcións hai que gañar como sexa e a iso imos ir", sinalou convencida de superar a "un rival moi difícil" que xa no Mundial levounas ao límite, tendo que decidirse o seu cruzamento na prórroga.