Terceiro triunfo consecutivo do Waterpolo Pontevedra na fase pola permanencia

Pontevedra
15 de marzo 2025

O conxunto lerezano superou pola mínima ao CN Montjuic e encadea a súa terceira vitoria consecutiva na fase pola permanencia en Primeira División Nacional Feminina

Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia en Rías do Sur
Partido entre o Waterpolo Pontevedra e o CW Turia en Rías do Sur / Cristina Saiz

O Club Waterpolo Pontevedra alarga a súa serie triunfal na fase pola permanencia en Primeira División Nacional Feminina, sumando a súa terceira vitoria consecutiva.

O equipo pontevedrés venceu pola mínima ao CN Montjuic nun duelo directo pola clasificación que lle permite adiantar ao seu rival catalán na táboa.

O partido comezou con dominio inicial das locais, que se adiantaron cun parcial de 3-1 que pronto neutralizaría o CW Pontevedra.

As visitantes reaccionaron con claridade e anotaron un 0-4 que lles serviu para voltear o marcador e coller unha pequena vantaxe de face ao segundo período (3-5).

Antes do intermedio mantívose a tónica da igualdade, co equipo lerezano ampliando a súa vantaxe a tres goles, pero as catalás responderon da mesma maneira, evitando así que o partido se lles escapase (6-8).

Tras o descanso, a intensidad defensiva impúxose, con numerosas expulsións e poucos goles. O CW Pontevedra logrou un parcial de 1-2, chegando ao final do terceiro cuarto cunha vantaxe de 7-10.

Xa no último cuarto, o CN Montjuic apertou o acelerador e logrou achegarse a un só gol (9-10).

Sara Vanegas anotou un tanto clave para as pontevedresas (9-11), pero Adriana Batlle volveu reducir a diferenza poucos segundos despois para facer o 10-11 co que concluíu o enfrontamento.

O próximo enfrontamento do Club Waterpolo Pontevedra será o sábado 29 de marzo na Escola Naval de Marín fronte ao Santa Eulalia a partir das 16:00 horas.

Consulta as estatísticas nesta ligazón.