Terceira fichaxe do Pontevedra: regresa Eneko Zabaleta

Pontevedra
30 de xuño 2023

O lateral esquerdo vasco regresa a Pontevedra despois de dúas tempadas nas que defendeu as cores do Calahorra en Primeira Federación e do Atlético El Paso en Segunda Federación

Partido entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón
Partido entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón / Cristina Saiz

O ritmo non para no que a fichaxes do Pontevedra se refire. Desde o anuncio de Chiqui o pasado mércores, os granates van a anuncio por día. Charly López foi o segundo e este venres fíxose oficial o regreso a Pasarón de Eneko Zabaleta.

A través dun comunicado no que a entidade non especifica a duración do novo contrato, confírmase a volta do lateral esquerdo procedente do Atlético El Paso.

Antes de recalar no equipo da Palma, o defensor vasco disputou unha tempada en Primeira Federación co Calahorra, logo baixou un chanzo para defender ao cadro canario en Segunda Federación. En ambos os equipos foi un xogador importante, cos rioxanos disputou 35 partidos como titular e contribuíu a lograr a permanencia, mentres que cos canarios completou 31 encontros. 

A Pontevedra chegou no mercado de inverno da tempada 2019-2020 para poñerse ás ordes de Jesús Ramos, que tomara as rendas do barco granate tras o cesamento de Luismi e Pouso nunha tempada que acabaría de forma prematura pola explosión da pandemia da covid-19.

Por este motivo, o lateral esquerdo que chegara en xaneiro para apropiarse dunha posición orfa só tivo tempo para disputar seis xornadas, cinco delas como titular.

Ao ano seguinte, o da reestruturación da Segunda B previo á transformación da categoría en Primeira e Segunda Federación, Eneko Zabaleta volveu ser un fixo tanto para Jesús Ramos como para o seu substituto Luisito xogando como titular os 26 partidos de liga na que os granates evitar caer a Terceira Federación na última xornada.

Co regreso do lateral vasco de 31 anos e a continuidade do capitán Álex González, o flanco esquerdo da defensa granate queda cuberto e deixa entrever que Samu Araújo dá por terminado o seu periplo en Pasarón coa finalización do seu contrato.