O Pontevedra Club de Fútbol é o equipo máis en forma do Grupo I da Segunda RFEF, con catro triunfos nas últimas cinco xornadas que lle colocaron a só dous puntos do líder Numancia.
O último deles chegou este domingo no Vao nun derbi contra o Coruxo non exento de polémica e momentos de tensión.
A explosión de xúbilo granate que supuxo o gol de Dalisson no tempo de desconto foi encaixada de peores formas no bando local, descontento pola que consideran inxusta expulsión de Borja Domínguez por dobre amarela no minuto 88.
As protestas sobre o céspede foron evidentes, e continuaron no túnel de vestiarios co centro das queixas na actuación do colexiado, o galego Jesús López Fernández.
O certo é que o árbitro do encontro foi cuestionado en ambos os dous bandos sobre todo polo listón posto nas amoestacións. Ademais no cadro granate reclamouse unha clara man como posible penalti (ou falta ao bordo da área ao estar no límite) que non se sinalou.
En total López Fernández mostrou 12 cartolinas amarelas, catro delas ao Pontevedra e oito nos locais.
O punto culmen desas protestas coruxistas viviuse no túnel de vestiarios co duelo xa terminado, tras algunha outra discusión sobre o verde, e é que segundo reflectiu o colexiado na acta do encontro o local David Añón dirixiuse a un dos asistentes cunha frase que lle pode custar caro: "Iros a tomar por culo" (sic).
Trátase dunha desconsideración grave que pode supor unha dura sanción ao ex-xogador granate agora nas filas do Coruxo.