O Estadio Municipal de Pasarón espera vivir unha xornada de celebración o vindeiro domingo 2 de xuño, co ascenso a Primeira RFEF en xogo no partido entre o Pontevedra Club de Fútbol e o Betis Deportivo.
A esperanza é poder celebrar o salto de categoría, pero de esguello na casa granate mírase con preocupación ao sucedido recentemente noutros festexos similares, e á repercusión que podería ter para as arcas da entidade unha posible invasión do céspede por parte dos afeccionados unha vez conclúa o encontro.
Na súa reunión do pasado luns 27 de maio, a Comisión Permanente da Comisión Estatal contra a Violencia, o Racismo, a Xenofobia e a Intolerancia no Deporte, propuxo de feito unha dura sanción ao Hércules de Alicante CF polo acontecido durante os festexos polo seu ascenso a Primeira RFEF no Estadio José Rico Pérez.
En concreto Antiviolencia propón unha multa de 12.000 euros ao equipo alacantino "por permitir unha invasión multitudinaria do campo ao final do partido de Segunda Federación Hércules de Alicante CF – Club Lleida Esportiu para celebrar o ascenso de categoría do equipo local cando os xogadores de ambos os dous equipos aínda permanecían no terreo de xogo. Ademais, durante esta invasión masiva, varios afeccionados activaron diversas bengalas e botes de fume no propio campo entre unha gran multitude de afeccionados e xogadores", sinala a resolución do comité.
Unha sanción que pon en alerta ao Pontevedra no caso de que, como todo o mundo espera, se termine conseguindo o ansiado ascenso.