A tecnoloxía e a innovación no mundo do deporte, a debate por quinto ano en Pontevedra

Pontevedra
26 de marzo 2025
Actualizado: 17:44

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte será escenario os días 2 e 3 de abril do V Galicia Sportech Congress

Presentación do V Galicia Sportech Congress
Presentación do V Galicia Sportech Congress / Concello de Pontevedra

Máis de 70 relatores e 40 startups daranse cita en Pontevedra na quinta edición do Galicia Sportech Congress, evento centrado na innovación e a tecnoloxía aplicada ao mundo do deporte.

O congreso, que foi presentado oficialmente este mércores no Concello, desenvolverase do 1 ao 3 de abril na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

Un dos reclamos desta edición, explicaron, será a presentación oficial da aceleradora do deporte de Galicia, a Business Factory Sport (BF Sport), impulsada polo Clúster Galego do Deporte e do Benestar, HubIn e Diesemm, co apoio institucional do IGAPE.

"Actualmente só hai outro catro aceleradoras en Galicia de sectores estratéxicos, como automoción, aeronáutica, alimentación e VíaGalicia, o que supón que a BF Sport vai revolucionar por completo a industria galega do deporte, axudando a consolidar proxectos especializados feitos en Galicia", defende David Suárez, CEO de Diesemm.

Trátase no seu conxunto dun evento que conseguiu colocarse como unha referencia no sector a nivel estatal.

Na súa programación incluirá unha primeira xornada exclusivamente online con hubs empresariais internacionais de Asia, Europa e Latinoamérica, mentres que a segunda e terceira xornada serán presenciais con clínics, mesas redondas, relatorios e un showroom con 20 postos de empresas que mostrarán as últimas novidades en tecnoloxía do mundo do deporte.

"É realmente interesante ver os proxectos que aquí se presentan, pois permiten botar unha ollada cara o futuro", afirmou pola súa banda na presentación a edil de Deportes, Anabel Gulías, que celebrou a consolidación do Galicia Sportech Congress nunha cidade como Pontevedra que "vive o deporte dun xeito especial".

A participación neste congreso é de balde previa inscrición na páxina web do evento.