Támara Echegoyen vence no Nacional de Vela Holandés Open en Medemblik

Pontevedra
21 de setembro 2020

A regatista pontevedresa aproveitou as últimas semanas para reencontrarse coa competición no norte de Europa, co único obxectivo de relanzar a súa preparación para os Xogos Olímpicos de Tokyo

Támara Echegoyen e Paula Barceló
Támara Echegoyen e Paula Barceló / Sailing Energy

Despois de moitos meses sen poder competir Támara Echegoyen Paula Barceló recuperan sensacións da mellor maneira posible.

Se hai uns días, e tras 7 meses de parón, foron sétimas na Semana Olímpica de Kiel (Alemaña), onde chegaron a liderar, agora a regatista pontevedresa e a súa compañeira no 49er FX reecontráronse coa vitoria.

Fixérono no Nacional de Vela Holandés Open en Medemblik, competición que dominaron de principio a fin asinando 11 primeiros postos nas 15 regatas disputadas.

Tratábase para Echegoyen e Barceló dun adestramento de nivel pensando no próximo Campionato de Europa, próximo reto para as actuais campioas do Mundo.

No horizonte lonxano, un único obxectivo, recuperar o punto de forma pensando en chegar da mellor maneira posible aos Xogos Olímpicos de Tokyo, para os que xa están clasificadas.