Támara Echegoyen e Paula Barceló salvan unha complicada xornada e colócanse a un punto do liderado

Pontevedra
30 de xullo 2021

A falta de tres mangas de clasificación e a Medal Race do luns 2 de agosto, que puntúa dobre, a regatista pontevedresa e a súa compañeira no 49er FX de vela seguen coa súa remontada e son xa segundas na xeral confirmando as súas opcións de medalla nos Xogos Olímpicos de Tokyo

Competición do 49er FX nos Xogos Olímpicos de Tokyo
Competición do 49er FX nos Xogos Olímpicos de Tokyo / Sailingshots by María Muíña / RFEV

O campo de regatas dos Xogos Olímpicos de Tokyo fixo este venres honra á súa fama de condicións cambiantes propoñendo unha competición moi diferente á das primeiras xornadas, onde reinaban os ventos próximos a 15 nós.

Nesta ocasión, con refachos que roldaban os 6 nós de intensidade, era un día para adaptarse e non perder corda o que debían afrontar Támara Echegoyen e Paula Barceló nunha clase 49er FX de vela que xa superou o ecuador da súa competición.

É o que fixeron a pontevedresa e a súa compañeira de tripulación, xa que a pesar de comezar cun posto 13 na primeira regata da xornada, terminaron cun 4º e un 5º parcial nas outras dúas mangas para manterse na pelexa polas medallas.

Con estes resultados Echegoyen e Barceló soben unha posición na xeral e son xa segundas con 42 puntos, estreitando ademais a distancia que lle separa do liderado que agora ocupan as holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz (41 puntos), mentres que terceiras marchan as brasileiras Martine Grael e Kahena Kunze (47 puntos).

As grandes damnificadas dunha xornada tan complicada foron as británicas Charlotte Dobson e Saskia Tidey, intratables nas primeiras xornadas e que caeron desde a primeira á cuarta posición tras asinar un 16, un 14 e un 15 posto nas tres regatas.

Con todo nun puño e coas opcións de medalla reforzadas para Támara Echegoyen e Paula Barceló, a clase 49er FX de vela encara á súa recta final a falta de tres mangas clasificatorias máis este sábado e a definitiva Medal Race do luns 2 de agosto, que puntuará dobre.

"Paula e eu estamos a superar retos cada día, o de ser as mellores na auga, e iso é o que nos está abrindo máis a porta para conseguir un metal. Quedan tres regatas, que son moitos puntos, non nos podemos durmir. Creo que hai que ser conscientes de que hai moito nivel e moitos equipos con opcións de medalla. Hoxe gozamos do día pero somos conscientes de que queda moita pelexa e do boas que son as nosas adversarias", comentou tras a regata a deportista pontevedresa en declaracións á Real Federación Española de Vela.