Se a algo nos afixeron os Xogos Olímpicos de Tokyo é ás condicións cambiantes en canto á metereología, poñendo aos regatistas en situacións comprometidas e obrigando a atrasar os horarios das probas, tal e como ocorreu coa última xornada clasificatoria de clase 49 er FX de vela na que competiron Támara Echegoyen e Paula Barceló.
Nun día complicado por falta de vento, con apenas 7 nós, a pontevedresa e a súa compañeira de tripulación afrontaron unha dura xornada, tendo que adaptarse para seguir soñando e manterse na pelexa polas medallas.
Pero nesta ocasión comezaron con mal pé. Chegaron á cita con moi boas sensacións e a un punto do liderado despois da maxistral remontada realizada nas anteriores mangas, pero a xornada matinal do sábado deixou moito que desexar e tivéronse que conformar cun 19º e un 13º parcial nas dúas primeiras regatas,caendo do segundo ao quinto posto.
Nove puntos separaban a Támara Echegoyen e Paula Barceló da medalla de bronce, pero aínda faltaba a última manga clasificatoria por celebrarse.
Acompañadas por un vento que aumentou de 8 a 10 nós, a dupla galego-balear soubo aproveitarse das condicións para recuperarse con fartura e salvarse para facer un 4º parcial, que permite ascender ata a cuarta posición da xeral e clasificarse para a Medal Race, proba definitiva que se celebrará o luns 2 de agosto e que puntuará dobre.
Primeiras chegan as brasileiras Maritine Grael e Kahena Kunze (70 puntos) que remontaron desde a terceira posición para compartir liderado coas holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz (70 puntos), mentres que as alemás Tina Lutz e Susan Beucke chegan terceiras (73 puntos). Támara Echegoyen e Paula Barceló chegan cuartas con 77 puntos, a catro do bronce.