Támara Echegoyen e Paula Barceló clasifican a España para os Xogos Olímpicos de París

Pontevedra
16 de agosto 2023

A regatista pontevedresa e a súa compañeira no 49erFX metéronse como décimas na Medal Race do Campionato do Mundo que se está a celebrar nos Países Baixos, logrando a última das prazas olímpicas de país en xogo 

Támara Echegoyen y Paula Barceló, durante unha regata
Támara Echegoyen y Paula Barceló, durante unha regata / Sailing Energy / Real Federación Española de Vela

Támara Echegoyen está un paso máis preto dos que serían os seus cuartos Xogos Olímpicos.

A regatista pontevedresa, facendo parella coa súa compañeira no 49er FX Paula Barceló, logrou clasificar este mércores a España para París 2024 na súa clase, ao meterse na Medal Race do Campionato do Mundo que se está celebrando nos Países Baixos.

Echegoyen e Barceló accederon na regata definitiva como décimas, facéndose coa última das prazas olímpicas en xogo na súa categoría. Agora, o seu nomeamento dependerá da Real Federación Española de Vela en función dos resultados que logren nos próximos meses.

Na última das xornadas clasificatorias a tripulación española asinou un posto 13, un sexto e un 23 nas tres regatas disputadas, colocándose no décimo posto da xeral despois de 15 mangas cun total de 122 puntos, tres de vantaxe sobre as finlandesas Gronblom e Hokka.

Aínda que a loita polas medallas neste Mundial resulta xa unha quimera (contan no seu haber cun ouro e un bronce en pasadas edicións) ante a distancia cos tres primeiros postos, Támara Echegoyen e Paula Barceló cumpren así co principal obxectivo que tiñan no Campionato. París empeza a verse no seu horizonte.