A primeira gran competición internacional post-Covid nas clases 49er e 49 er FX de vela xa está aquí.
Támara Echegoyen atópase en Austria para participar xunto á súa compañeira Paula Barceló no Campionato de Europa, no seu caso en FX, que terá lugar desde este martes en augas do lago Atter.
"Sabemos que vai ser un campionato que vai ofrecer moitas dificultades a todos os regatistas, xa que é un campo moi inestable e o parte é de vento frouxo, pero nós queremos seguir traballando e converternos nun equipo que poida loitar con todas as condicións, así que aquí imos ter todo o que estamos a buscar", explica a regatista pontevedresa.
Echegoyen e Barceló chegan á cita como actuais campioas do Mundo e tras completar un bo papel na Semana de Kiel, en Alemaña, e tamén no campionato open de Holanda.
Con todo, a pesar da importancia do Europeo, o dúo galego-balear ten claro cal é o seu obxectivo final, recuperar cando antes o seu mellor nivel para chegar nas mellores condicións o próximo verán aos Xogos Olímpicos de Tokyo, para os que xa están clasificadas.
"Temos moitas ganas de empezar a competir e de seguir mellorando, xa que esta é unha proba perfecta para seguir adestrando de cada aos Xogos Olímpicos", recoñece.
En canto ao sistema de competición do Europeo, por diante terán tres xornadas de probas clasificatorias e outras tres de series finais, estando prevista o final para o vindeiro domingo, día 4 de outubro.