Támara Echegoyen, a dous puntos do podio no Campionato de Europa

Cerdedo-Cotobade
12 de abril 2016

Echegoyen e a súa compañeira Berta Betanzos son sétimas nunha apertada clasificación xeral tras dúas xornadas de competición en augas de Barcelona

Támara Echegoyen e Berta Betanzos no 49er FX
Támara Echegoyen e Berta Betanzos no 49er FX / Jesús Renedo / Sailing Energy

Támara Echegoyen e Berta Betanzos mantéñense na loita polas prazas de podio do Campionato de Europa de 49er FX despois de dúas xornadas de competición en augas de Barcelona.

O dúo galego-cántabro é polo momento sétimo nunha apertada clasificación xeral, e atópanse a só dous puntos das prazas de podio.

Despois de conseguir dous triunfos parciais na primeira xornada para situarse no segundo posto, Támara e Berta asinaron este martes un sexto, un décimo e un primeiro.

"Foi un día bo con condicións de vento suave e loitamos manga a manga para sacar o mellor resultado", declarou a pontevedresa tras a última manga de competición.

O liderado provisional do Europeo está en mans das italianas Giulia Conti e Francesca Clapcich con tres puntos de vantaxe sobre as segundas clasificadas, as holandesas Annemiek Bekkering e Annette Duetz. O terceiro caixón ocúpano as británicas Charlotte Dobson e Sophie Ainsworth.

Este mércores disputaranse as últimas probas de clasificación antes de dar paso o xoves ás series finais.