Suspendido o partido de Copa Galicia entre Marín Futsal e Ourense pola condensación na Raña

Marín
02 de outubro 2024

O duelo de cuartos de final do torneo autonómico tiña que disputarse este martes 1 de outubro, pero o mal estado da pista no pavillón marinense obrigou á suspensión ante o risco que supoñía para as futbolistas

Partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña
Partido entre Marín Futsal e Poio Pescamar na Raña / Cristina Saiz

A humidade na pista do pavillón da Raña obrigou a suspender o partido de cuartos de final da Copa Galicia Sénior Feminina de Fútbol sala que debía enfrontar este martes o Marín Futsal e o Ourense CF.

Cos equipos xa no pavillón e afeccionados presentes, finalmente optouse polo aprazamento ante o risco que supoñía o estado do terreo de xogo para a integridade das futbolistas.

O motivo era a condensación que volvía esvaradía a pista e tamén a aparición dalgunha pingueira.

O encontro, correspondente aos cuartos de final do torneo autonómico, xogarase agora noutra data aínda por determinar.