Suspendido o Marín Futsal-Burela por non ter o equipo local o mínimo de xogadoras no campo

Marín
30 de abril 2022

O partido que debía enfrontar ao Marín Futsal e ao Burela nesta tarde de sábado no Pavillón da Raña foi suspendido no minuto 8 por non contar o equipo local co número mínimo regulamentario de xogadoras no terreo de xogo

Partido suspendido entre Marín Futsal e Burela na Raña
Partido suspendido entre Marín Futsal e Burela na Raña / Cristina Saiz

O partido que debía enfrontar ao Marín Futsal e ao Burela nesta tarde de sábado no Pavillón da Raña foi suspendido no minuto 8 por non contar o equipo local co número mínimo regulamentario de xogadoras no terreo de xogo.

Segundo anunciou o cadro marinense ao longo desta mañá nas redes sociais, "por las circunstancias que rodean al equipo, en el partido de hoy no podemos contar con gran parte de nuestra plantilla lo que no permitirá que podamos competir contra el Pescados Rubén Burela como nos hubiera gustado".

Afirma o Marín que a Covid-19 é un dos motivos que levaron á suspensión do encontro xa que "sigue causando numerosas bajas que, unido a lesiones y hechos excepcionales, implican situaciones como la que nos encontraremos hoy en nuestro partido".

Tentaron aprazar o partido ou buscar solucións alternativas, chegando a un consenso co Burela para disputalo o día 12 de maio. Con todo, a Federación Española transmitiulles a negativa e tívose que xogar o día fixado anteriormente, é dicir, este sábado 30 de abril.

É por ese motivo que o cadro local acudiu coas tres xogadoras que tiña dispoñibles e aguantou oito minutos, os suficientes para que o Burela, por medio de Irene Samper, anotase o único gol do envite. Lesionouse María León e quedaron dous na cancha, Danny Fleitas e Pau, polo que o colexiado, ao non contar co número regulamentario sobre a cancha, viuse obrigado a suspendelo cun resultado de 0-1.

Esta situación obriga a unha recuperación urxente por parte do persoal, que deberá desprazarse a Ourense a semana que vén para disputar os cuartos de final da Copa da Raíña contra o STV  Roldán.