Supermercados Froiz e Farto, pendentes da Copa de España

Pontevedra
23 de abril 2021

O ciclismo pontevedrés ten unha dobre cita a fin de semana coa Copa de España, tanto masculina como feminina, con probas puntuables en Valladolid e  Beasain

Daniel Jiménez, ciclista do Froiz
Daniel Jiménez, ciclista do Froiz / Jesus Martin González / GD Froiz

O ciclismo pontevedrés ten unha dobre cita a fin de semana coa Copa de España Elite e Sub-23.

Na competición masculina o Grupo Deportivo Supermercados Froiz afronta a cuarta cita puntuable do calendario, coa X Clásica Valladolid Memorial Angel Lozano o 25 de abril na que, a priori, será unha xornada cun percorrido máis favorable aos seus intereses e na que se prevé que o vento poida ser protagonista.

A escuadra alimenticia con Pablo Alonso, décimo na xeral da Copa xunto a Ramón Fernández (21º na xeral) como os mellores colocados do equipo acompañado por Daniel Jiménez, Nicolás Antorena, Manuel Rodríguez, Diego Martín Lázaro e Santiago Cadavid. 

Pola súa banda o Team Farto - BTC estará presente na carreira inaugural da Copa de España Mulleres co Gran Premio Féminas, na localidade vasca de Beasain.

Co empuxón moral que lle dá ás pontevedresas liderar polo momento o ranking nacional, o Farto tentará conseguir os maiores puntos posibles nunha carreira na que estará presente o  mejorcito do pelotón nacional.

Enara López debutará co equipo recuperada do atropelo que sufriu en pretempada, completando o equipo Sara  Bonillo, Liliana de Jesus, Agnieta Francke, Pilar Jiménez, Sandra Moral, Diana Pedrosa, Anna Pujol e Teresa Ripoll.

"Os obxectivos para as Copas de España son dobre: por unha banda, que as líderes do equipo collan ritmo de competición para preparar as carreiras profesionais; por outro, que o resto de ciclistas, sobre todo as novas, poidan disputar as súas propias opcións", recoñeceu o  mánager do Farto, Brais Dacal.