Superar a barreira dos 3.000 participantes, obxectivo da XXXI edición da San Silvestre

Pontevedra
10 de decembro 2014

A inscrición avanza cun ritmo elevado de "entre 100 e 150" anotacións ao día, superando xa os 800 atletas. A festa do atletismo pontevedrés contará este ano cunha masterclass de zumba e premios para os mellores disfraces

Presentación da XXXI San Silvestre de Pontevedra
Presentación da XXXI San Silvestre de Pontevedra / PontevedraViva

A XXXI edición da San Silvestre pontevedresa busca, unha vez máis, bater a súa record particular de participación para despedir do mellor xeito o ano.

A organización, a cargo da Sociedad Gimnástica e o Instituto Municipal de Deportes, pretende superar o 31 de decembro a barreira dos 3.000 participantes, despois de quedar a un paso en 2013 con 2.939 dorsais retirados.

O ritmo de anotación invita ao optimismo, con "entre 100 e 150" inscricións ao día superando xa os 800 deportistas confirmados, cando o prazo aínda se prolongará ata as 22:00 horas do próximo 26 de decembro.

Un día despois comezará na Casa da Luz, na Praza da Verdura, a recollida dos dorsais, quedando a opción só para os corredores de fóra da cidade de retiralo o mesmo día na Praza de España.

A festa do deporte pontevedrés contará este ano con varias novidades, como premios aos mellores disfraces (individual e de grupo), unha masterclass de Zumba na Avenida Monteiro Ríos 45 minutos antes da saída ou a posibilidade de completar os case 4 quilómetros de percorrido na modalidade de camiñada nórdica, é dicir, camiñando a ritmo elevado apoiado de bastóns. Esta modalidade situarase á cola do pelotón de corredores.

As incripciones poden formalizarse de xeito gratuíto na web www.sgpontevedra.com, aínda que nesta ocasión se solicita a colaboración de todos os participantes para cubrir os custos da proba. A perda de patrocinador provocará a presenza de varios petos na liña de saída.

Aos participantes pídeselles que colaboren voluntariamente cun euro para este fin, ademais de acudir con alimentos non perecedoiros que serán entregados ao recén creado Banco de Alimentos da cidade.