Supera reclama preto dun millón de euros para renunciar á súa concesión en Rías do Sur

Pontevedra
26 de marzo 2022

"Entendemos que é un punto de partida para unha posterior negociación", recoñece o presidente da Fundación Rías do Sur,  Héctor Vilariño, que sen querer confirmar a cifra exacta da proposta afirma que é algo "totalmente inasumible a día de hoxe"

Campionatos Galegos Infantil e Júnior e Copa Galicia Sénior de Natación
Campionatos Galegos Infantil e Júnior e Copa Galicia Sénior de Natación / Diego Torrado

Despois de case unha semana de espera, a empresa Supera, encargada da xestión do Complexo Deportivo Rías do Sur de Ponte Muíños, moveu ficha para desbloquear o peche da piscina olímpica.

Segundo puido saber PontevedraViva a empresa concesionaria, á que aínda lle restan 14 anos de contrato, valorou en ao redor dun millón de euros a cifra pola que estaría disposta a renunciar ao que queda de concesión.

"Presentáronnos a documentación que lles solicitabamos e unha oferta, pero entendemos que é só un punto de partida para unha posterior negociación", recoñeceu o presidente da Fundación Rías do Sur,  Héctor Vilariño, tras manter a última hora do venres unha reunión cos socios fundadores para poñerlles ao corrente da situación.

Sen querer confirmar a cifra exacta que reclama Supera, Vilariño recoñece que "é totalmente inasumible a día de hoxe. A Fundación é unha entidade sen ánimo de lucro, non ten fondos para chegar a un acordo así".

En todo caso, segundo o presidente de Rías do Sur a valoración do mantemento que non se realizou na instalación a pesar de figurar no contrato debería ser incluída nos cálculos.

Chegados a este punto "o equipo xurídico está a valorar todas as opcións", explica, o que pode pasar tamén por que se esixa o cumprimento do contrato tal e como está ou mesmo a rescisión por incumprimento das condicións pactadas, aínda que "se chegamos a un acordo moito mellor", segue a mater o responsable da Fundación..