Xa non só serán as instalacións de auga, senón todo o complexo. Rías do Sur pechará ao público ao completo a partir do próximo 1 de abril.
Así o anunciou a última hora deste luns a empresa concesionaria da xestión nas instalacións de Ponte Muíños, Supera, dando un paso máis a unha renuncia do servizo que comezou o día 11 de marzo pola piscina olímpica, pero mantendo aberto o ximnasio ou as pistas de squash.
"Ante a insostible situación xerada pola pandemia e os custos enerxéticos, a compañía non pode seguir prestando o servizo, con perdas totalmente inasumibles", sinala no seu comunicado a empresa.
Supera, que trasladou o pasado venres á Fundación Rías do Sur unha proposta de indemnización de preto de 1 millón de euros para renunciar aos 14 anos que lle restan de concesión, asegura que "sempre estivo aberta ao diálogo para atopar unha saída ordenada, pero a falta de propostas realistas obrigounos a adoptar esta decisión".
Debido ao peche completo do Complexo Deportivo Rías do Sur todos os abonados de Supera serán dados de baixa sen que teñan que realizar ningún trámite administrativo.
"Ata o 31 de marzo, con todo, os clientes poden realizar consultas e trámites na recepción do centro. Desde ese día, no que as portas da instalación permanecerán pechadas", conclúe a concesionaria.